Os novos contedores do Porto Deportivo entran en funcionamento esta fin de semana
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, e o concelleiro de Medio Ambiente, comprobaron os últimos detalles para a posta en marcha dos novos contedores do porto deportivo.
A instalación espertou o interese de hostaleiros da zona e mesmo de veciños que se achegaron para interesarse polo baleirado dos residuos. Os contedores son totalmente accesibles e están elaborados con materiais pensados para evitar malos cheiros, un dos principais problemas dos anteriores e que motivou as queixas dos comerciantes. Trátase de nove unidades cuxa compra e instalación tiveron un custo de 17.787 euros.
En canto ás características das unidades que, como os vellos, darán servizo aos locais de hostalería da zona, explicaron que son semisoterrados o que permiten realizar a descarga simplemente levantándoos cun guindastre e, por tanto, non levan mecanismos que poidan fallar. Respecto a as súas medidas, teñen unha altura de 2,40 metros e entérranse 1,50 metros, de maneira que sobresaen ao exterior en 90 centímetros e dispoñen dunha capacidade moi superior aos que hai no resto do Concello, que vai dos cinco aos tres metros cúbicos.
Son un total de nove contedores do modelo Molok Classic: un marrón (restos orgánicos), tres grises (Residuos Sólidos Urbanos RSU), un amarelo (envases), outro azul (papel e cartón) e tres verdes (vidro). Ademais, están construídos con materiais que impiden alcanzar a temperatura á que se xeran gases e malos cheiros e evitan a aparición de pragas porque o biorresiduo queda totalmente illado da vía pública.