Luz verde para unha senda peonil de 800.000 euros en Tenorio
Por Redacción
O Consello da Xunta aprobou a sinatura dun convenio de colaboración técnica e financeira co Concello de Cerdedo-Cotobade para a construción dunha senda peonil na parroquia de Tenorio. A actuación supón un investimento de 800.000 euros a pagar entre as dúas administracións.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade financiará a intervención na travesía que cruza a parroquia de Tenorio, cun investimento de 550.000 euros, mentres que o Concello pagará a contratación e execución das obras, que supoñen unha achega de 250.000 euros.
O convenio asinarase nas vindeiras semanas e, a partir dese momento, o Concello de Cerdedo-Cotobade poderá iniciar o expediente das obras. A intervención prevé iniciarse neste ano 2020.
No acordo de colaboración recóllese a proposta do Concello de demolición das beirarrúas existentes para a construción dunha senda peonil, logo da construción de dous muros de contención de terras para mellorar a súa estabilidade. Neste espazo construiranse beirarrúas e o espazo destinado a aparcadoiro ao longo de 150 metros.
Para a execución das obras actuarase tamén no saneamento e as augas pluviais, así como a iluminación pública. Completaríase a actuación coa sinalización e defensa tanto das beirarrúas coma da propia calzada nas zonas desgastadas.
Relacionadas:
-
Inxección de 440.000 euros para completar a humanización da travesía de Tenorio
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
As beirarrúas da travesía interior de Tenorio serán o dobre de anchas
Por Redacción |
-
A senda peonil de Tenorio estará en construción neste mesmo ano
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade proxecta unha senda peonil en Tenorio para mellorar a seguridade na zona escolar e deportiva
Por Redacción |