Previsión dun anticiclón transitorio durante o sábado nas Rías Baixas
Por Redacción
A inestabilidade atmosférica rexistrada durante os últimos días irase perdendo ao longo deste venres, segundo as previsións do servizo de Meteogalicia. Os ceos estarán parcialmente cubertos, con chuvascos que irán diminuíndo ao longo do día. As temperaturas sufrirán un moderado descenso situándose entre os 8 e os 14 graos. O vento soprará do noroeste, forte no litoral e moderado con intervalos fortes en zonas altas do interior.
Ao longo da xornada do sábado 7, as Rías Baixas quedarán de forma transitoria baixo a influencia anticiclónica. Espéranse ceos máis nubrados durante a mañá que se irán abrindo ao longo do día. As temperaturas mínimas situaranse sobre os 6 graos mentres que as máximas ascenderán moderadamente ata os 16 graos. Os ventos soprarán do sudoeste, moderados en xeral, aumentando a fortes durante a noite no litoral.
O domingo volverá unha fronte que atravesará Galicia durante a mañá. Espéranse ceos moi nubrados a primeiras horas, con choivas que se irán facendo máis ocasionais durante a tarde, coa posibilidade de apertura de claros. As temperaturas mínimas ascenderán de maneira que se atoparán entre os 9 e os 16 graos. Os ventos soprarán do oeste-suroeste, moderados na costa e máis frouxos no interior.
A próxima semana comezará baixo a influencia das altas presións en toda Galicia, con tempo seco e estable. Prevalecerán os ventos de compoñente oeste, coa posibilidade de que se rexistre algunha choiva débil e ocasional no litoral atlántico. As temperaturas manteranse suaves entre os 8 e os 17 graos.