Moraña engade un novo servizo de atención ás persoas maiores que viven soas
Por Redacción
O Concello de Moraña incorpora un novo servizo de atención ás persoas maiores que viven soas. Impulsado polo departamento de Servizos Sociais, ten como obxectivo crear unha rede de atención directa a este sector da poboación para axudarlles na realización de diversas tarefas.
A primeira fase do programa contempla catorce encontros e desprazamentos ás diferentes parroquias do municipio para favorecer a colaboración, cooperación e comunicación para reintegrar socialmente a estas persoas que viven nunha situación de illamento.
Trátase dunha atención que chega para complementar aos servizos de teleasistencia, axuda no fogar ou a asistencia xurídica, psicolóxica e de fisioterapia que presta o Concello
"Os nosos maiores e dependentes teñen un trato personalizado por parte do seu Concello, cunha ampla gama de servizos que agora ven ampliados e a total disposición de todos os departamentos municipais", declarou a alcaldesa Luisa Piñeiro durante o pleno no que anunciou a incorporación deste servizo.