A próxima semana cambia o tráfico no Burgo polo asfaltado de Domingo Fontán
Por Oskar Viéitez
O concelleiro de Mobilidade no Concello de Pontevedra, Demetrio Gómez compareceu este venres en rolda de prensa para anunciar que a próxima semana cambia o tráfico no Burgo polo asfaltado de Domingo Fontán.
O martes 10 de marzo está previsto asfaltar o tramo da avenida de Domingo Fontán no tramo comprendido entre a gasolineira e o estacionamento disuasorio situado fronte ao Pavillón municipal.
Con motivo destas obras deseñouse plan de tráfico especial que contempla o corte do acceso desde a avenida da Coruña a Domingo Fontán, de forma que o tráfico procedente de Juan Bautista Andrade terá que desviarse pola rúa Luís Otero rodeando o Estadio de Pasarón para saír á avenida de Compostela.
O tramo da avenida da Coruña comprendido entre Luís Otero e Domingo Fontán restrinxirase a tráfico de servizos e residentes, que terán que saír pola Santiña.
Estes cambios no tráfico serán temporais ata que se complete o asfaltado de Domingo Fontán.
Demetrio Gómez lembrou que nos próximos meses acometerase a modificación definitiva da circulación rodada nesta zona que invertirá o sentido na avenida da Coruña, Luís Otero e Leonardo Enríquez.
O concelleiro de mobilidade espera que nun par de semanas se poda recuperar o dobre sentido no tráfico da avenida Domingo Fontán.
O edil nacionalista tamén informou que a obra civil na ponte do Burgo atópase na súa fase final co pulido do formigón da praza peonil da cabeceira norte, a instalación de mobiliario urbano e a plantación das árbores.
A instalación da nova iluminación da ponte prolongarase ata principios de maio.