Pontevedra crea un protocolo para revisar a seguridade dos parques infantís
Por Alejandro Espiño
Os corenta parques infantís que hai na cidade pasarán nas próximas semanas unha inspección técnica en profundidade para analizar o seu estado e comprobar que cumpren cos máximos estándares de seguridade.
Este traballo, que realizará a empresa especializada STO (Soluciones Técnicas de Ocio) en coordinación co Servizo Municipal de Parques e Xardíns, aplicará o protocolo creado por Pontevedra para que estas instalacións estean en óptimas condicións.
Coa posta en marcha nas zonas de xogo de Monte Porreiro, o programa de revisión sistemática busca comprobar os niveis de seguridade dos parques infantís de Pontevedra e corrixir aqueles elementos ou factores que poidan supoñer un risco para a integridade dos rapaces.
Así, segundo explica o edil de Desenvolmento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, vanse a probar todos os elementos dos parques entre elos, xogos, peches perimetrais, bancos, fontes de auga, papeleiras e o resto do mobiliario.
Se cumpren con todos os requisitos, os técnicos farán un certificado que terá unha validez dun ano. En caso contrario, farán un informe das fallas e unha valoración do custe da reparación.
As normas comunitarias e autonómicas deixan "ben claro", segundo o técnico Javier Martínez, tanto os xogos como todos os elementos auxiliares que están dentro do recinto infantil deben cumprir cos mesmos requisitos no que atinxe a cuestións como arestas, posibilidade de atrapamentos, radios ou esquinas perigosas.
O protocolo implantado por Pontevedra vaise a poñer en marcha xa na fase de deseño dos parques, formulando deseños específicos e singulares que se adapten o mellor posible ás condicións das zonas verdes e buscando conxugar integración paisaxística, confort, calidade e robustez coa sustentabilidade medioambiental dos materiais.
Tras un estudo das necesidades de xogos, faranse propostas contando coa participación da veciñanza dos barrios que, xunto co estrito cumprimento das normas de seguridade e accesibilidade, incorporarán de xeito prioritario áreas de xogo inclusivas e integradoras.
Nas fases de instalación e remate das obras de creación dun novo parque de xogos, comprobarase o cumprimento de todas as condicións de seguridade, incorporando medicións por parte de laboratorios de control de calidade que validen o cumprimento das normas.
O servizo de Parques e Xardíns, pola súa banda, desenvolverá unha rutina programada de inspeccións oculares que permita identificar posibles riscos evidentes derivados do uso, de actos vandálicos ou das condicións meteorolóxicas. Estas revisións serán de carácter semanal e, no caso de áreas de xogo moi frecuentadas ou afectadas polos vándalos, diario.
Ademais, os servizos técnicos municipais levarán a cabo unha inspección funcional máis profunda para comprobar o funcionamento e a estabilidade dos equipamentos, coa finalidade de detectar posibles síntomas de desgaste. Estes traballos efectuaranse cunha frecuencia que variará entre un e tres meses ou ben seguindo as instrucións do fabricante.
Por último, tal e como se fixo no barrio de Monte Porreiro, realizarase unha inspección principal anual para comprobar o nivel de seguridade global dos equipamentos e dos seus alicerces, así como a presenza de podremias ou corrosión.
Como resultado desta revisión anual poderán deseñarse obras de mantemento de maior envergadura, segundo explica o edil socialista, que considera que este novo protocolo permitirá "estreitar a vixilancia" nos aspectos que afectan á seguridade e calidade dos parques.