Sanxenxo reforzará o persoal municipal con 35 traballadores a través do Plan Concellos
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo reforzará o seu persoal municipal durante este ano con 30 peóns e cinco auxiliares administrativos a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. O custo total desta contratación ascenderá a 264.246 euros, dos que a administración local aporta 6.472 euros.
Os operarios que se contraten distribuiranse entre os departamentos de obras e servizos, parques e xardíns e na área municipal de limpeza de praias e espazos públicos. Así se lles encomendarán obras menores de espazos e edificios públicos, limpeza de lugares públicos, colaboración na montaxe e desmonte de carpas, organización do almacén municipal e a conservación das beirarrúas do municipio. Ademais, tamén se encargarán do mantemento de parques e xardíns e labores de control de verteduras puntuais.
Outro dos departamentos que se verán reforzados será o de limpeza de praias. Con 17 praias e o maior número de bandeiras azuis de España este departamento cobra especial relevancia en Sanxenxo. O goberno local prioriza este servizo coa organización de cuadrillas durante o verán establecendo quendas e limpezas de praias durante todos os días da semana con reforzo a fin de semana. Este departamento tamén se encarga do mantemento das dunas de Portonovo e da Lanzada, así como da eliminación de puntos de verteduras.
A limpeza de areais aínda que no verán é intensiva non é exclusiva na tempada estival, xa que durante o inverno tamén se limpan as praias polo que é preciso tamén contar cunha cuadrilla que se encargue destas tarefas.
Os cinco auxiliares administrativos que se incorporarán ao persoal municipal reforzarán os traballos no arquivo municipal, catastro, así como nas áreas de recadación de Impostos da Contribución Urbana, entre outras actividades.
As incorporacións na área administrativa serán por 35 horas semanais, durante oito meses e doce días. Os operarios farano en dúas quendas diferentes, vinte terán unha xornada de 30 horas semanais durante seis meses e outros dez, por trinta horas semanais durante cinco meses.