O final das obras na rúa Concepción Arenal, para mediados do mes de abril
Por Redacción
A segunda fase da humanización da rúa Concepción Arenal está próxima á súa finalización.
Así o asegura o Concello de Marín, que estima que os traballos de reforma na zona concluirán a mediados do próximo mes de abril.
Segundo a previsión, a próxima semana comezarán a pintarse as prazas de estacionamento, que seguirán o mesmo deseño que na primeira fase da obra, colocándose en liña. Pola súa banda está previsto que o asfaltado dos carrís de tráfico comece a finais de mes. Ao mesmo tempo, seguirase traballando na instalación do novo mobiliario urbano e das árbores ornamentais coas que contará esta vía.
No proxecto recóllese ademais unha mellor da iluminación eliminando as luminarias das fachadas para apostar por outras eficientes e con maior intensidade nas proximidades dos pasos de peóns.
No que respecta ao saneamento, os traballos de separación da rede de pluviais e fecais está finalizado por completo, e só queda concluír as novas beirarrúas, que contarán con maior superficie.
O custo global desta actuación ascende a 653.423 euros que é posible asumir polo apoio económico da Axencia Galega de Infraestruturas.