Mourente renova o seu amor polo caldo galego
Por Redacción & Diego Torrado
O caldo é relixión en Mourente. A parroquia pontevedresa non se amedrentou polo día gris co que amenceu este 8 de marzo no municipio para celebrar ao grande a súa XXIX Festa do Caldo.
A celebración gastronómica, organizada pola Asociación de Veciños O Castro, recibiu a un bo número de visitantes na súa xornada grande.
A presentadora televisiva María Solar foi a encargada nesta ocasión de ler o pregón da festa, dando paso á homenaxe a dúas veciñas de Mourente como Clara Castro Villaverde e Dores Ojea Rey.
Así se chegou á actuación de grupos folclóricos de España e Portugal, coa Coral Voces amigas de Mourente e charangas, Grupo Foula e A cabeza non para.
Era o paso previo ao momento esperado por todos, a degustación do caldo, ben quente, a un prezo de 2 euros a cunca e de 5 euros a cazola. Nun día como o que saíu poucos plans podían resultar tan agradables.