Pontevedra será a sede do primeiro Congreso Internacional Fashion and Design Conference, organizado pola Esdemga
A profesora do Máster Universitario en Deseño e Dirección Creativa en Moda, Lola Dopico e o vicerrector Campus Pontevedra Jorge Soto, presentaron a primeira edición do Congreso Internacional Fashion and Design Conference: Creation & Research (FADC) da ESDEMGA, que terá lugar os días 19 e 20 de marzo no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra.
Coa colaboración da Universidade de Vigo, en especial o Campus de Pontevedra, este proxecto xurdiu co obxectivo de coñecer todos aqueles acontecementos científicos que xiran ao redor do deseño de moda.
Tal e como asegurou Dopico, "máis alá da moda como fenómeno ou como industria están as súas implicacións de carácter interdisciplinar, xa que que deriva de materias como a historia da indumentaria, a teoría do deseño, a socioloxía e a antropoloxía". Froito disto, xurdiu a idea de lanzar un primeiro encontro no que se recibiron máis de 70 candidaturas, das que foron seleccionadas 48.
O FADC creouse nun contexto que ten como finalidade dar acollida a todos aqueles investigadores que están a desenvolver reflexións teóricas sobre a moda. Ademais, durante os dous días que se vai celebrar este congreso, haberá diversas conferencias da man de persoas recoñecidas no ámbito da moda, como a directora executiva da Asociación Creadores de Moda España (ACME) Pepa Bueno, ou a fundadora de Pinaki Studios Arantza Vilas, entre outros. "Aínda que os perfís dos conferenciantes son moi distantes entre si, isto permite un achegamento á moda a través desas múltiples miradas posibles", asegurou Dopico.
Recibíronse ponencias de toda España, e tamén de países como Estados Unidos, Ucrania, Brasil, Portugal e Italia. Debido ao coronavirus, Dopico afirmou que de momento houbo catro baixas de ponentes italianos que non poderán asistir o congreso. Non todas as ponencias terán un carácter teórico, senón que algunhas serán prácticas, con presentación de proxectos.
Durante a celebración deste encontro, habilitarase unha zona no Museo onde haberá unha exposición de 15 estilismos creados por algúns dos ponentes. A inauguración da mostra, aberta ao público e de balde, será o xoves 19 de marzo ás 19:00 horas. A idea dos organizadores é que este congreso teña cada vez máis peso e que poida realizarse de forma bianual.