Pontevedra modificará o proyecto do skatepark para adaptalo á nova normativa
Os cambios que, en materia de normativa de competición, aprobou o Comité Nacional de Skateboarding provocarán que Pontevedra teña que modificar o proxecto para o skatepark previsto na entrada ao campus universitario.
Así o recoñeceu o edil de Deportes, Tino Fernández, no pleno municipal celebrado este luns no Teatro Principal, no que se debatía unha moción presentada polo PP para incluír estas modificacións nas futuras instalacións de Pontevedra.
Esta iniciativa, que defendeu Guille Juncal, foi emendada polo PSOE -previo acordo cos populares- para que, en todo caso, sexan os técnicos municipais os que estuden e realicen os cambios necesarios para adaptar o skatepark a estas modificacións.
O concelleiro do PP reclamou axilizar os trámites para que os mozos conten cun lugar "digno e estable" para a práctica desta disciplina deportiva e que sexa un "referente" para toda a provincia, evitando quedar "tremendamente limitado" sen eses cambios.
O portavoz de Cidadáns, Goyo Revenga, tentou sen éxito que o proxecto se ampliase para contar cunha área para parkour. Nin PP nin o goberno municipal consideraron aceptable esta esixencia, xa que supoñería un atraso "importante" na súa execución.
A moción foi aprobada polos votos de BNG, PP e PSOE. Ciudadanos abstívose.
Menos sorte correu a outra moción presentada polo PP, que reclamaba un investimento de 500.000 euros para corrixir o estado de "total abandono" que, segundo Rafa Domínguez, sofre o parque do miradoiro de Monte Porreiro.
"No sé qué tiene este gobierno municipal en contra de Monte Porreiro porque solo utiliza el barrio para las pruebas del compostaje", lamentou Domínguez, que unicamente tivo o apoio de Ciudadanos. Goyo Revenga defendeu que "es hora" de dignificar este parque.
O responsable de Medio Natural, o socialista Iván Puentes, sinalou que " é unha pena" que os populares non se acordasen deste asunto durante a tramitación do orzamento, aprobado definitivamente este luns, e presentasen unha emenda a estas contas.
Pontes defendeu que o goberno municipal está a traballar "activamente" en Monte Porreiro e, con respecto ao parque do miradoiro, explicou que se fixeron rozas e acondicionouse o parque infantil. Ata final de mandato, engadiu, haberá novas actuacións para "poñer en valor" esta zona e abrir á cidade os xardíns da UNED.
Ante estas dúas mocións presentadas polo PP, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, sinalou que "non podo estar calado" e lamentou a "demagoxia" e as "mentiras" do PP con respecto a estas iniciativas.
Fernández Lores afirmou que "me molesta" que a oposición diga que Monte Porreiro está abandonado cando "antes era un bosque" e o PP nunca se preocupou polo barrio.
Con respecto ao skatepark, lembrou que o Concello tiña un proxecto "feito e pagado" que foi paralizado porque o Ministerio de Fomento, dirixido pola popular Ana Pastor, "non nos deixou facelo" no lugar previsto, as inmediacións da ponte das Correntes.
Relacionadas:
-
Concello e Universidade activan a construción do skatepark na parcela do campus
Por Redacción |
-
A avenida Raíña Vitoria vai adaptarse para ser unha praza "provisional" para skaters
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O PP solicita a suspensión das taxas polo uso das instalacións municipais deportivas ata fin de ano
Por Redacción |
-
Rafa Domínguez pide investir medio millón de euros en arranxar o Miradoiro de Monte Porreiro
Por Redacción |
-
O PP pide replantear o skatepark da Xunqueira para incluír modificacións
Por Alejandro Espiño |