A Policía Local intensifica a vixilancia sobre o uso do cinto e os sistemas de retención infantil
Por Oskar Viéitez
A Policía Local de Poio lanzou unha nova campaña especial de vixilancia sobre a utilización do cinto de seguridade e sistemas de retención infantís, impulsada pola Dirección Xeral de Tráfico que terá lugar dende hoxe, 9 de marzo, ata o 15 de marzo.
A campaña ten coma obxectivo lembrar aos condutores que non importa a natureza da viaxe (longa, curta, urbana ou interurbana), o uso do cinto de seguridade e os sistemas de retención infantil é obrigatorio.
Convén recordar que nove de cada dez feridos graves ou mortais na infancia terían sido evitados se se empregasen sistemas de contención obrigatorios.
Deste xeito, a Policía Local da Poio segue traballando para concienciar sobre o uso adecuado do cinto, algo que podería evitar prácticamente unha cuarta parte dos mortos en accidentes de tráfico.
Os axentes comprobarán que os menores viaxan cos correspondentes sistemas de retención infantil adecuados á súa estatura, peso e idade.
Tráfico lembra que o uso de sistemas de retención homologados veuse evidenciando como o sistema de seguridade viaria máis sinxelo e rendible en todo tipo de vías e traxectos, ademais de ser imprescindible para que o airbag sexa eficaz. A DGT estima que o uso do cinto reduce á metade o risco de morte en caso de accidente e que un neno sen suxeición multiplica por cinco as posibilidades de sufrir lesións mortais ou graves.
Nos últimos anos observouse en España unha tendencia estable do 25% de vítimas mortais en accidente de tráfico que non usaban o cinto ou sistema de retención infantil, de aí a importancia de campañas como esta, que se enmarca dentro da programación de campañas especiais de vixilancia previstas pola DXT para mellorar a seguridade viaria e concienciar aos usuarios das vías sobre a importancia de manter comportamentos máis seguros.