O novo programa integrado de emprego do Concello de Cuntis agarda a inserción laboral do 39% dos participantes
Por Redacción
A Biblioteca Municipal de Cuntis acolleu este luns a presentación do programa integrado de emprego, Máis Emprego IV, no que participa a agrupación de concellos de Cuntis, Caldas de Reis, Moraña, Barro e Portas.
O obxectivo desta iniciativa, que chega á súa cuarta edición, é o de mellorar a empregabilidade e as perspectivas de inserción laboral das 100 persoas en situación de desemprego que durante os próximos meses participarán no proxecto.
No acto de prensentación estiveron presentes o alcalde de Cuntis, Manuel Campos, como anfitrión e os de Caldas, Barro, Portas e Moraña, (Juan Manuel Rey, Xosé Manuel Fernández Abraldes, Ricardo Martínez e Luísa Piñeiro). Por parte da Xunta de Galicia acudiu o Director Xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal.
O obxectivo final do programa, que se financia cunha axuda de 250.000 euros procedentes da Consellería de Emprego e Industria, é o de lograr a inserción laboral de canto menos o 39% das persoas participantes. Para iso levaranse a cabo diferentes accións de formación durante un período de 12 meses que aumentarán as oportunidades de inserción.
O alcalde de Cuntis expresou a súa satisfacción polo inicio do cuarto programa de emprego consecutivo que se leva a cabo no Concello de Cuntis e se desenvolve conxuntamente cos municipios de Caldas de Reis, Barro, Moraña e Portas.
A súa posta en marcha pon de manifesto segundo o rexedor "o compromiso do Goberno municipal na loita contra o paro". Nesta liña destacou que nos proxectos precedentes se conseguiu unha taxa moi alta de colocación das persoas participantes e salientou o interese dun programa que vai especialmente dirixido a mozos menores de 30 anos e a maiores de 45, que son quen máis sofren o desemprego.
Finalmente agradeceu a presenza en Cuntis dos alcaldes dos demais concellos que forman parte da agrupación e agradeceulle á Xunta de Galicia a concesión deste novo programa, ao tempo que lle desexou a todos os participantes a pronta consecución dun posto de traballo.
Relacionadas:
-
Satisfactorio balance de resultados en catro anos do Programa Integrado de Emprego
Por Redacción |
-
O programa de emprego para os municipios da comarca do Umia logra unha inserción laboral do 36% dos participantes
Por Redacción |
-
Cuntis avanza no desenvolvemento do polígono da Ran
Por Redacción |
-
Balance positivo do primeiro mes de funcionamento do Programa Integrado de Emprego
Por Redacción |
-
Comeza un novo programa integrado de emprego para os concellos de Cuntis, Caldas de Reis, Barro, Moraña e Portas
Por Redacción |