Protección Civil de Poio busca novos voluntarios
Por Oskar Viéitez
Protección Civil de Poio ten previsto desenvolver un curso básico de iniciación para voluntarios. Trátase dunha actividade que terá lugar o vindeiro mes de xuño na sede da agrupación, situada na Seca, que se realiza a través dun convenio asinado coa Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP).
O máximo responsable do colectivo, Manuel Vicente, informou que o obradoiro está dirixido a persoas maiores de 16 anos que estean interesados en "formar parte nesta familiar de voluntarios".
A sesión servirá para dotar aos asistentes de conceptos e coñecementos vencellados ás iniciativas que realiza Protección Civil, como a colaboración na organización de dispositivos en probas deportivas ou eventos culturais ou intervencións en emerxencias e accidentes, así como a dotación de pautas en clave sanitaria ou marítima.
A formación é un dos eidos no que fai especial fincapé esta agrupación, como o amosan as 742 horas invertidas durante 2019, a través da participación en diferentes cursos.
Na actualidade, o grupo de voluntarios de Poio conta con 32 integrantes, de diferentes idades e que desenvolven un labor moi importante, xa que, tal e como lembra o propio Vicente Caamaño, "en moitas ocasións somos nós os primeiros en chegar aos lugares do concello nos que se produce unha emerxencia". Só durante o ano 2019, Protección Civil levou a cabo un total de 572 servizos, repartidos en 207 saídas, aos que hai que engadir as 231 intervencións vencelladas a avisos e retiradas de niños de vespas velutinas.
Vicente Caamaño lembra que os voluntarios levan a cabo estas actividades de xeito altruísta.