Cerdedo-Cotobade proxecta unha senda peonil en Tenorio para mellorar a seguridade na zona escolar e deportiva
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade xa ten listo o proxecto para a construción dunha senda peonil en Tenorio que redobrará a seguridade viaria na contorna da zona escolar e deportiva, beneficiando deste xeito aos usuarios do instituto, o colexio público, a escola infantil, o pavillón municipal e outros equipamentos públicos.
En total, o Concello vai investir 54.200 euros do Plan Concellos nesta actuación, que contempla a citada creación dun paseo de case 200 metros de lonxitude e outras obras paralelas.
O proxecto, que recolle o soterramento da liña eléctrica aérea, vai comezar coa reubicación de ata sete postes do tendido, a rede telefónica e o alumeado municipal, aproveitando neste caso para substituír as luminarias actuais de vapor de sodio por unhas Led para mellorar a luminosidade da zona e reducir o consumo.
Estes postes invaden a calzada dende que se acometeu o retranqueo do muro do colexio e, con este cambio de emprazamento, preténdese favorecer tamén o axeitado tráfico de vehículos.
Posteriormente, procederase á creación da senda nun dos laterais da vía que actualmente se atopa en terra coa pavimentación en cor este espazo ata dotalo de 1,90 metros de anchura.
Así mesmo, tamén se vai actuar do mesmo xeito nunha zona próxima ao polideportivo para darlle continuidade e favorecer os desprazamentos dos rapaces entre esta instalación e o colexio. A zona tamén contará con sinalización horizontal e vertical, para reforzar a seguridade, e incluso fitos de PVC de 75 centímetros para separar a zona peonil da calzada.
Finalmente, vaise proceder á construción dunha pequena cuneta lateral, recollida de augas, colectores soterrados e canalizacións para evitar que se produzan escorrentías de augas pluviais dende o pavillón cara a nova senda.
Así, complementarase a recente rehabilitación enerxética e funcional que se acometeu de xeito integral no CEIP de Tenorio con case 600.000 euros de investimento, xa que se mellorará, con estes 54.200 euros do Plan Concellos, a accesibilidade a esta zona de equipamentos, a seguridade vial, a iluminación do barrio, a adaptación ao medio e a evacuación de augas.
Relacionadas:
-
Proxectan a creación dunha senda peonil en Tenorio cun investimento de 54.000 euros
Por Redacción |
-
A senda peonil de Tenorio estará en construción neste mesmo ano
Por Redacción |
-
Luz verde para unha senda peonil de 800.000 euros en Tenorio
Por Redacción |
-
Un convenio permitirá acometer a reforma da travesía interior de Tenorio ao longo de 2020
Por Redacción |