O BNG aposta por unha variante norte que permita urbanizar a PO-308 en San Salvador
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz
O candidato do BNG ás eleccións do 5 de abril pola provincia, Luís Bará, explicou que a formación nacionalista aposta por unha Variante Norte que permita urbanizar a estrada PO-308 na zona de San Salvador.
Bará expresou o compromiso do Bloque por unha actuación integral de urbanización na PO-308 fronte ás "actuacións parciais que non resolven a problemática global desta estrada".
A PO-308 "non pode ser un risco permanente para a vida das persoas", dixo Luís Bará.
Para a zona da Barca e Ferreirós o BNG considera que é "necesario" contar cunha "alternativa para o tráfico" polo que os nacionalistas impulsarán "desde a Xunta" o desenvolvemento do viario norte, que está aprobado desde o ano 2010 pero que permanece paralizado por unha decisión "partidista".
"Están a investir noutras zonas desta estrada noutros concellos por simpatía política" denunciou Luís Bará que cre que "isto é unha cuestión de xustiza e non se deben mirar cuestións políticas".
O desenvolvemento da variante norte tamén supoñería a construción da conexión denominada Vial do Vao que conecta a estrada de Vilagarcía (PO-531) coa de Campañó (PO-310) co que se buscaría "unha solución definitiva" ao asentamento chabolista.
A concelleira de Seguridade Cidadá do Concello de Poio, a nacionalista Marga Caldas, sinalou a necesidade de mellorar a PO-308 e incidiu nos problemas de inseguridade que se rexistran no núcleo de San Salvador unha cuestión que veñen reivindicando desde hai anos desde a plataforma de persoas afectadas pola PO-308 con cuxos representantes se reuniu Bará este mércores.