Loita contra a contaminación mariña na Illa de Arousa
Por Redacción
As persoas integrantes da Confraría de San Xulián, na A Illa de Arousa, convertíronse na tarde deste martes nas primeiras en recibir a visita do equipo de formadores de Re-Mar, un proxecto inclusivo de loita contra a contaminación mariña que desenvolven no ámbito territorial das Rías Baixas.
Durante a sesión formativa ademáis da presentación do proxecto aos asistentes, analizáronse as orixes, causas e consecuencias dos lixos mariños no ecosistema mariño, así como unha serie de boas prácticas para mitigar no posible a súa xeración e tratar de paliar deste xeito os seus efectos nocivos sobre o medio.
Antes de rematar a xornada, os formadores de Re-Mar presentaron tamén varias das iniciativas complementarias deste ambicioso proxecto, entre as que destacan varios premios cos que recoñecerán o traballo de diferentes colectivos, incluidas as propias confrarías, na súa labor e compromiso contra este gran problema medioambiental.
Neste sentido, a Praia de Compostela en Carril, foi o lugar elixido para principiar coas limpezas de praias programadas por Re-Mar no ámbito das Rías Baixas, unha limpeza protagonizada polo alumnado do IES Miguel Ángel González Estévez na que retiráronse preto de 350 kg de lixos mariños deste fermoso areal vilagarcián, na súa meirante parte plásticos, como bolsas e envoltorios, bastonciños de limpar os oídos, canos de beber, envases, tarugos de plástico das bateas para suxeitar os mexillóns, restos de redes, cordas, cabos e sedais, chisqueiros e mesmo un boneco de peluche.
Neste proxecto participan a Asociación Amicos e o Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia coa colaboración da Fundación Biodiversidade, do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través do Programa pleamar, cofinanciado polo FEMP, e que é complementario ao proxecto LIFE-IP INTEMARES.