O PSOE e o BNG defenden o orzamento de 6 millóns de euros para Caldas porque prioriza as políticas sociais
Por Redacción
Juan Manuel Rey, alcalde de Caldas de Reis, e o portavoz municipal do BNG, Manuel Fariña, analizaban este mércores o acordo alcanzado que permitiu a aprobación dos Orzamentos do Concello por unha cantidade de 6 millóns de euros no pleno do luns 9.
Desta forma, a formación nacionalista considera que se trata dun bo orzamento para Caldas ao incidir na mellora dos servizos públicos, na mellora ambiental e que mantén fortes compromisos para avanzar no modelo de Concello sostible coa aposta pola segunda fase do Plan Revitaliza, que promove a Deputación Provincial.
Ademais, sinalou Fariña, traballarase na mellora de viais municipais, ademais de que se licitarán os contratos do Servizo de Axuda no Fogar e das piscinas. Un dos puntos máis destacados atópase no avance do proceso de potabilización de Caldas de Reis a través dun convenio coa Universidade de Santiago de Compostela para estudar a incidencia das cianobacterias.
Contémplanse partidas para a ampliación do IES Aquis Celenis e para reducir prezos para o festival Portamérica para as persoas residentes en Caldas. Outra das medidas que o BNG considerou fundamental para apoiar estes orzamentos atópase na conxelación de taxas e de impostos, proxéctase tamén o plan para estender a rede de saneamento a todas as parroquias do rural con fases en San Clemente, Paradela ou Saiar, coa instalación de novas depuradoras.
Juan Manuel Rey, alcalde de Caldas, entende que estes orzamentos priorizan as políticas sociais cun amplo abanico de servizos, como o emprego e as obras importantes para Caldas. Os orzamentos veranse completados con partidas e actuacións complementarias doutras iniciativas como o Plan Concellos da Deputación.
Rey insistiu na aposta polo turismo potenciando o festival Portamérica, o Camiño de Santiago e a actividade termal. Ademais, o rexedor sinala que, en breve, presentaranse as contas de 2019 cun alto remanente que, afirma, superará o medio millón de euros. Neste sentido sinala que na Tesourería do Concello de Caldas hai preto de dous millóns de euros que garanten a solvencia e liquidez nas arcas municipais, a pesar da "moi baixa" presión fiscal.