Poio suspende as actividades lúdicas, empezando polo desfile de comparsas de Campelo
Por Redacción
As medidas de precaución para tentar frear o alcance do coronavirus chegan tamén ao Concello de Poio.
O goberno local anunciou a suspensión ou aprazamento de diferentes actividades que se ían a desenvolver a próxima fin de semana, e recomenda ademais a outros colectivos que fagan o mesmo cos próximos eventos sociais previstos.
Así, a primeira cita afectada é o concurso de comparsas de Campelo, que estaba previsto celebrar o domingo 15 de marzo e que foi suspendido tras acordar a decisión coas asociacións que participan na organización.
Aprazadas quedan pola súa banda os próximos roteiros do programa '8 fitos no Camiño', que ían ter lugar os sábados 14 e 21 e que agora están pendentes de fixar nova data.
Por outra banda o Concello recomendou que non se celebren outros eventos lúdicos previstos para estes días, como poden ser as Festas de San Gregorio, o Enterro do Galo Bruxo ou as Festas de San Xosé, por ser citas que poden congregar a un importante número de persoas.
A administración local asegura á súa vez que está a seguir as directrices propostas tanto polo Goberno como pola Xunta de Galicia como medidas preventivas.