Reforzo da iluminación pública na contorna da N-541 en Viascón
Por Redacción
A contorna da estrada Nacional 541 ao seu paso pola parroquia de Viascón verá reforzada a súa iluminación pública.
Así o confirmou o Concello de Cerdedo-Cotobade, que obtivo a autorización do Ministerio de Fomento como titular da vía para acometer unha actuación que supoñerá un investimento de 22.980 euros, e que se financiará con cargo ao Plan Concello da Deputación.
En concreto, co obxectivo de mellorar a visibilidade e favorecer a seguridade dos veciños da zona, está previsto colocar seis novas luminarias de baixo consumo en aceiro galvanizado, de 9 metros de altura e 1,50 de brazo, cunha liña eléctrica soterrada e unha varanda metálica á beira da estrada para protexelas e reforzar a seguridade dos condutores.
Trátase dunha vella petición dos veciños de Viascón, aínda que a necesaria consecución de permiso por parte de Fomento atrasou a obra, asegura o Concello.
Unha vez solucionada a tramitación a instalación "desenvolverase rapidamente nas próximas semanas", manteñen desde o goberno local.