Os responsables dun concesionario do Salnés, investigados por manipular o contaquilómetros de vehículos
Por Redacción
Axentes da Garda Civil investigan penalmente por un delito de estafa o propietario dun concesionario da comarca do Salnés e a súa esposa. Ambos vendían vehículos de ocasión nos que manipularan o contaquilómetros.
Segundo os datos obtidos durante a investigación, a parella alteraría os odómetros de ao redor dunha ducia de vehículos para rebaixar o totalizador da quilometraxe coa intención de vendelos cun valor por riba do prezo de venda do mercado de ocasión.
Os efectivos do Posto Principal da Garda Civil de Cambados comezaron a finais de 2018 tras a denuncia presentada por un veciño de Madrid. O denunciante adquirira en 2015 un vehículo con 117.897 quilómetros neste concesionario. A súa sorpresa foi ao comprobar na ITV durante o ano 2017, que na ITV de 2010 o coche xa rodara 448.019 quilómetros. O concesionario adquirira ese vehículo por un prezo de 2.100 euros e vendeuno por 5.100 euros, con preto de 330.122 quilómetros menos no cuentakilómetros.
A Garda Civil realizou xestións durante diferentes meses que finalizou coa investigación do dono do concesionario e da súa esposa como presuntos autores dun delito de estafa, aos que se lle atribuía tamén a comisión doutra ducia de feitos destas mesmas características.
Ao longo da investigación, os axentes comprobaron que se manipularon á baixa os contaquiilómetros de, polo menos, 11 vehículos que se venderon por un período de tempo no que aparecía como propietaria a esposa do dono do taller.
A pesar de que adquirise os vehículos cun número elevado de quilómetros terminaba vendéndoos cun rexistro moi inferior, nalgún caso cunha baixada de case 400.000 quilómetros. Como consecuencia, aumentaba significativamente o prezo da venda.
Segundo a avaliación estimativa que realiza a Garda Civil as ganancias nas transaccións efectuadas superarían os 33.000 euros de beneficios. As dilixencias foron trasladadas ao Xulgado de Instrución de garda do municipio de Cambados.