A comisión de festas de Raxó apraza as festas de San Gregorio e o sorteo do satisfyer

Por Oskar Viéitez
A Comisión de Festas de Raxó anunciou unha "decisión difícil e complicada" como é o aprazamento das festas de San Gregorio, pero de igual modo entenden que é unha postura "responsable".
Esta festa realízase nunha zona de Portos de Galicia que require dun permiso especial con pago de taxas e o depósito dun aval de 3.300 euros para poder utilizar este espazo. Neste momento a Comisión está a negociar para non perder os permisos nin os seguros, que se contratan por data de celebración.
Outra dificultade engadida é o contrato das orquestras, que estaban pechadas desde hai un ano para poder celebrarse un sábado e poder contar coas mellores orquestras de Galicia.
Desde a Comisión piden desculpas a todos os veciños por se esta decisión afecta os seus plans, "pero entendemos que é momento de ser responsables e seguir todas as directrices que as autoridades nos recomendan".
En todo caso, a festa non se cancela, posponse e cando teñan pechadas novas datas para celebrar a festa e o famoso sorteo do Satisfyer, publicaranas.