A actividade xudicial, tamén alterada polo coronavirus
Por Natalia Puga
A situación xerada polo coronavirus Covid-19 alterou todos os sectores laborais e non ía ser menos o xudicial. Na cidade de Pontevedra, a nivel público xa resulta evidente a adopción de medidas nada máis entrar á Audiencia Provincial da rúa Rosalía de Castro, onde un dispensador de xel desinfectante permite a todos os traballadores e usuarios do edificio xudicial tomar medidas para frear o avance dos contaxios.
A Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), en atención á evolución da situación sanitaria, advertiu á Dirección Xeral de Xustiza da "necesidade e urxencia" de adoptar unha serie de medidas e advírtelle de que quedan "baixo a estrita responsabilidade" deste departamento da Xunta de Galicia a súa adopción.
Trátase de medidas como reforzar as quendas de limpeza e desinfección dos edificios xudiciais, en especial das dependencias do xulgado de garda, rexistros civís, oficinas de atención ao cidadán, oficina de atención á vítima e xulgados de violencia sobre a muller; dotar aos xulgados de medios materiais de protección e hixiene con carácter inmediato; ou situar carteis informativos en todas as entradas dos edificios xudiciais, visibles e lexibles, coas recomendacións das autoridades sanitarias.
Ademais, este xoves a Sala de Goberno ratificou a decisión do seu presidente, José María Gómez y Díaz-Castroverde, de suspender as visitas individuais ou colectivas a dependencias xudiciais que non estean directa e exclusivamente relacionadas coa actividade xurisdicional ou as condicións para que esta póidase realizar.
Desta forma, pospóñense as actividades do programa Educar en Xustiza e as visitas colectivas de institucións, colexios, centros universitarios e calquera outra que implique presenza nas dependencias xudiciais de persoas que non teñan sinalizacións de carácter xurisdicional ou administrativo aos que acudir.
En canto á atención ao público, habilítase aos xuíces para adoptar as medidas que consideren oportunas en relación cos rexistros civís, oficinas de atención ao cidadán, oficina de atención á vítima e xulgados de violencia sobre a muller en orde a dar cumprimento ás recomendacións elaboradas pola autoridade sanitaria no marco da instrución ditada polo CGPJ.
O acordo tamén fai referencia á asistencia do persoal xudicial a actos organizados por corporacións, institucións ou administracións que impliquen presenza masiva de persoas. O TSXG deixa á responsabilidade individual das persoas asistentes a decisión de acudir ou non, pero lembra "a importancia que ten o exercicio da función xurisdicional e a necesidade de evitar situacións que poñan en risco de contaxio ás persoas que a desenvolven e a quen con elas relaciónanse".
Neste sentido, e no ámbito da comunidade autónoma galega, "dispensarase a avogados e procuradores do uso de toga en actos xudiciais".
A presidencia do TSXG entende que estas medidas serven "para garantir a saúde de quen intervén na función xurisdicional e a que esta se poida desenvolver adecuadamente", e engade que "en coordinación co Consello Xeral do Poder Xudicial adoptaranse as medidas precisas para salvagardar a saúde do persoal xudicial e funcionario que desenvolva a súa actividade en contacto con grupos de risco, así como calquera outras precisas para previr e paliar os efectos da situación actual".
Relacionadas:
-
Joaquín Gabriel Santos Conde toma posesión como decano dos procuradores de Pontevedra
Por Redacción |
-
Dous novos positivos por Covid-19 nos xulgados de Pontevedra levan aos sindicatos a pedir maior prevención
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Denuncian que o xulgado de violencia sobre a muller na Parda queda reducido a só 70 metros cadrados
Por Redacción |
-
Regresa a actividade aos xulgados da Parda
Por Oskar Viéitez |
-
Os sindicatos rexeitan os servizos mínimos e esixen o peche dos xulgados
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
A Xustiza adopta medidas extraordinarias polo estado de alarma
Por Oskar Viéitez |
-
Suspendidos todos os xuízos e actuacións xudiciais non urxentes desde o luns
Por Natalia Puga |