A Lama contrata á empresa Idades o Servizo de Axuda no Fogar por 244.000 euros
Por Oskar Viéitez
O alcade da Lama, Jorge Canda Martínez, asinou co xerente da empresa Idades, Víctor Durán Amodeo, o contrato de adxudicación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) por tres anos e un importe anual duns 244.000 euros.
Na actualidade o Concello da Lama atende a uns 32 beneficiarios do Servizo de Axuda no Fogar sendo o contrato que acaba de asinar con Idades o de maior cuantía dos que de xeito regular se levan realizado por esta administración local e está dentro do compromiso de impulsar políticas sociais acordado polo novo equipo de goberno e recollido nos orzamentos municipais recén aprobados.
O Servizo de Axuda no Fogar (SAF) é unha prestación básica dos Servizos Sociais que presta un conxunto de atencións a persoas ou unidades de convivencia no propio domicilio para facilitar o seu desenvolvemento e a permanencia no seu medio habitual.
A prestación deste servizo ten carácter de reforzo e non substitúe ás propias capacidades da persoa usuaria e doutras persoas do seu contorno inmediato nin exime en ningún caso á familia das súas responsabilidades.
Os obxectivos que persegue o SAF son mellora-la calidade de vida das persoas usuarias, posibilitar a permanencia das persoas no seu contorno de convivencia habitual, favorecer e potenciar a autonomía persoal no propio domicilio, manter, mellorar e recuperar as redes de relación familiar e social, previr situacións de dependencia ou exclusión social e retardar ou evitar a institucionalización.
Entre as prestacións que se ofrecen desde o Servizo de Axuda no Fogar están as atencións de carácter persoal na realización das actividades básicas da vida diaria (coidados persoais, alimentación, etc., as necesidades de carácter doméstico e da vivenda e o acompañamentos fóra do domicilio (citas e xestións).
O SAF está dirixido, fundamentalmente as familias ou persoas que presenten disfuncións susceptibles de mellora cunha atención no fogar, persoas maiores, con certo nivel de dependencia, que non teñan a ninguén que os atendan suficientemente e que con esta axuda, poidan continuar vivindo no seu fogar ou individuos con discapacidade ás que a axuda no fogar lles poida favorecer na súa autonomía.
Entre os requisitos para poder ser beneficiario do SAF figuran a obrigatoriedade de estar empadroados no concello da Lama, contar o solicitante cun domicilio que reúna as mínimas condicións de habitabilidade, valorándose o estado e equipamento da vivenda, os recursos dispoñibles no seu entorno e o acceso aos mesmos e ter solicitado na Xunta de Galicia o recoñecemento da situación de dependencia, entre outras obrigas.