Poio reclamará a mellora do firme da estrada PO-308 que a Xunta agarda acometer nas vindeiras semanas
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A Concellería de Obras e Servizos do Concello de Poio remitirá nos vindeiros días un escrito á Axencia Galega de Infraestruturas, dependente da Xunta de Galicia, para solicitarlle que acometa unha serie de reparacións no firme da estrada PO-308.
A responsable deste departamento, Chelo Besada, explica que existen tramos do vial de titularidade autonómica que non se atopan en bo estado, a pesar de formar parte das zonas nas que se acometeron nos últimos meses as obras para reforzar a seguridade viaria.
A concelleira socialista pon como exemplo a situación na que se atopa o firme nas inmediacións da nova rotonda instalada na parroquia de Samieira, no entronque coa estrada PO-303.
"O pavimento está moi degradado polo tránsito de vehículos e as obras non están rematadas por completo. Aquí a situación resulta especialmente sangrante", asegura a tenente de alcalde, que amosa a súa preocupación polo feito de que a obra leve sen avanzar nalgúns tramos "desde hai bastante tempo".
RESPOSTA DA XUNTA
Dende a Axencia Galega de Infraestruturas aclararon que as obras están aínda en execución, polo tanto non remataron e xa prevén a renovación do firme.
Tamén explican que os traballos de aglomerado víronse condicionados pola retirada de liñas eléctricas e de telecomunicacións nas que as compañías subministradoras atrasáronse moito.
Na Consellería de Infraestruturas están pendentes de poder iniciar a execución destes traballos de aglomerado nas próximas semanas.