Pontevedra inicia reparacións en pavimento, iluminación e mobiliario nunhas 370 rúas da cidade
Por Alejandro Espiño
Máis de 370 rúas da cidade integran o plan de actuación que, en materia de mantemento de espazos públicos, vén de poñer en marcha o goberno municipal. As obras, que executará a empresa COVSA, comezarán nos próximos días e estenderanse máis alá do verán.
A edil de Mantemento de espazos públicos, Eva Vilaverde, explicou que os operarios da empresa, xunto ás brigadas municipais, resolverán os estragos causados no pavimento, beirarrúas, iluminación ou mobiliario urbano en base a unha zonificación establecida.
O Concello avanza que serán prioritarias as obras de mantemento nas áreas polas que pase un maior número de xente e, por outra banda, haberá un criterio técnico baseado, entre outras cuestións, nos tipos de pavimento ou mobiliario.
De cara a este traballo, a cidade foi dividida en once zonas: centro da cidade, centro histórico, periférica, Gorgullón, San Roque, Campolongo, O Castañal, Santa Clara, O Burgo, Mollavao e Monte Porreiro.
Eva Vilaverde sinalou que estes traballos pódense facer unha vez que se van reducindo as emerxencias e urxencias derivadas do inverno, xa que o mal tempo "non nos permitiu traballar como nos gustaría" e a chuvia incidiu "negativamente" no estado das rúas.
O servizo disporá dunha aplicación de coordinación interna para que sexa máis áxil e permita coordinar as brigadas municipais coa empresa e os servizos técnicos, que atenderán dous tipos de actuacións: as non programadas que se corresponderían coas emerxencias e as urxencias, e coas programadas que formarían parte das actuacións previstas e das de prevención.
O departamento disporá tamén de información procedente da páxina web municipal que nos últimos dous anos recibiu 750 avisos dos veciños e veciñas, así como da Policía Local a través dos partes por caídas no espazo público ou por avisos, e de todos aqueles que se dirixan aos propios servizos técnicos a informar das avarías.
De cara o futuro, o Concello contará ademais cun corpo especial de vixiantes que formarán parte das brigadas municipais e que serán os encargados de dar parte ao servizo técnico correspondente para que corrixan as deficiencias detectadas.
A estas actuacións, engadiu Eva Vilaverde, sumaranse as que se fagan no marco do outro contrato de mantemento, o que se encarga das obras nas parroquias do rural.
Relacionadas:
-
As rúas perimetrais do Gorgullón priorizarán a mobilidade peonil arredor da residencia Soremay
Por Redacción |
-
A revisión de itinerarios peonís continúa polas rúas Germán Adrio, Fernando II e Pintor Rafael Alonso
Por Redacción |
-
A campaña municipal de revisión e reparación de beirarrúas chega a María Victoria Moreno
Por Redacción |
-
Un edificio en ruínas do centro histórico convertirase en pensión e restaurante
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello e COVSA estudan que áreas priorizar no arranxo de espazos urbanos
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra reforzará o investimento nas súas zonas verdes para que sexan "dinámicas e modernas"
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello destinará 361.000 euros anuais a manter espazos públicos no rural
Por Alejandro Espiño |