Medio centenar de profesionais do turismo de Sanxenxo danse cita con provedores da súa central de compras
Por Redacción
A Sala Nauta do Porto Deportivo de Sanxenxo acolleu ao longo deste xoves a medio centenar de profesionais do sector turístico nun encontro entre provedores da Central de Compras Quantum e sector hostaleiro asociados ao Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo (CETS), con quen ten subscrito un convenio de colaboración desde 2013.
A organización deste encontro, que promove o CETS por segunda ocasión nestes sete anos de funcionamento do convenio, permite que os asociados do Consorcio poidan achegarse a coñecer de primeira man as novidades e os produtos cos que traballan estes provedores, pertencentes aos sectores de alimentación, bebidas, limpeza, maquinaria ou servizos específicos para a hotelaría.
Así, os hostaleiros e restauradores de Sanxenxo puideron coñecer os produtos e as novidades de empresas como Argal (fiambres, embutidos e queixos); Elmar (conxelados); Europastry (pan e bolería conxelada); Nespresso (café); Bunzl (complementos de limpeza) Vila Viniteca (viños); Vichy Catalan (auga); Onity (fechaduras, caixas fortes e minibares); Elipsys (televisións); Fagor (maquinaria cociñas e lavandería); Lavandería Eli' s e TGT (queixos e lácteos).
No encontro, que se desenvolveu en xornada de mañá e tarde, participaron tanto asociados xa adscritos á central de compras como outros que mostraron interese en adherirse. E é que, tal e como explica o presidente do CETS, Alfonso Martínez, "o convenio con Quantum permítelles aos nosos asociados optimizar custos e mellorar a súa rendibilidade con provedores que ofrecen un trato próximo e persoal que, ademais, complétase con encontros como o que hoxe celebramos, nos que coñecemos de primeira man os produtos que nos ofrecen".
O presidente de CETS tamén puxo en valor a aposta que no seu día fixo o Consorcio fixo por esta central de compras e que se viu apoiada polo seu bo funcionamento. Proba diso é o feito de que ano a ano fose crecendo a súa facturación, que en 2019 incrementouse un 6% con respecto á do ano anterior.