Reunión do Consello de Campus de Pontevedra con miras as implantacións do vindeiro curso
Por Redacción
O Consello de Campus de Pontevedra reuniuse este xoves 12 de marzo nunha xuntanza de "goberno ordinario do campus", segundo salientou o reitor, Manuel Reigosa, e dirixida a abordar cuestións relevantes de cara ao vindeiro curso, segundo a información do DUVI.
A reunión sumou ao informe do reitor e do vicerreitor do campus, Jorge Soto, as intervencións do vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado, Manuel Ramos, e da vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, dirixidas a dar a coñecer aos integrantes do órgano as actuación que se están a levar a cabo desde as súas respectivas áreas.
O vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado, pola súa parte, presentou ante o órgano colexiado as medidas que a institución académica está tomando en materia "de consolidación do profesorado e mellora das súas condicións de traballo", á vez que abordou con eles a situación na se atopan as diferentes titulacións.
Nesta liña, Ramos referiuse ao proceso para implantar a modalidade virtual do grao en Dirección e Xestión Pública, que se combinará coa presencial e substituirá progresivamente á actual modalidade semipresencial. Como subliñou o vicerreitor, tratarase da "primeira titulación en Galicia cunha modalidade virtual" e adiantou que en abril comezará a impartirse "un curso para o profesorado que vai participar no primeiro curso, para que saiban como deseñar o material e despois como impartilo".
Tamén se tratou a futura implantación do grao en Deseño e Creación no vindeiro curso, sobre o que apuntou Manuel Reigosa que "seguimos negociando coa Xunta", logo de que a memoria da titulación recibise o informe desfavorable do goberno galego, impedindo a súa posta en marcha para o vindeiro curso académico.
Neste ámbito, Ramos subliñou que a intención da institución académica é remitir á Xunta a nova memoria de verificación no mes de xullo co obxectivo de "en setembro de 2021 poder comezar" coa docencia do novo grao.
O Consello de Campus contou así mesmo coa intervención da vicerreitora de Investigación que incidiu na importancia de "dinamizar" a investigación no campus, lembrando que a Oficina de Proxectos Internacionais da universidade pode axudar aos grupos "para que se consigan máis proxectos".
Nese senso, Rubio buscou achegar algunhas "recomendacións" que puidesen axudar a que os grupos do campus poidan optar ás axudas para GRC e GPC, como podería ser que "se xunten e combinen distintos ámbitos de coñecemento, o que pode axudarlles a conseguir máis masa crítica", á vez que anunciou a futura organización dunha xornada formativa sobre preparación de proxectos para o plan nacional.