Tramitan un novo parque eólico entre Cerdedo-Cotobade e Forcarei
Por Redacción
Un novo parque eólico vaise a instalar nos montes de dous concellos da provincia, Cerdedo-Cotobade e Forcarei. Así será, polo menos, se supera a tramitación administrativa que ten por diante. A instalación, impulsada pola compañía Greenalia Wind Power, ocupará uns 6,5 quilómetros cadrados, segundo consta na documentación do proxecto.
O parque eólico das Penizas terá unha potencia de 33,6 megawatts e prevé producir anualmente, unha vez estea construído e en funcionamento, máis de 150.000 megawatts/hora.
En total, investiranse case 23 millóns de euros na construción do parque, que contará con oito autoxeradores de 112 metros de altura e 136 metros de diámetro de rotor, tres deles no termo municipal de Cerdedo-Cotobade e cinco no de Forcarei.
Ademais, o complexo contará cunha rede eléctrica soterrada de interconexión entre os centros de transformación dos aeroxeradores e a subestación receptora do parque, unha subestación de enerxía ou un sistema de alta tensión á intemperie.
O parque completarase cun edificio de servizos e comunicación e unha torre meteorolóxica de 98 metros de altura.
De cara á súa tramitación, o Diario Oficial de Galicia publica este venres o anuncio polo que se somete a información pública o estudo de impacto ambiental e as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, a aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e a declaración de utilidade pública do proxecto.
Os interesados terán agora trinta días para realizar as alegacións que consideren oportunas antes de que o proxecto do parque eólico das Penizas sexa aprobado definitivamente.