Decretan a suspensión dos mercados de venda ambulante e pechan os parques infantís do municipio
Por Redacción
O goberno local de Pontevedra decidiu acollerse, nas últimas horas, á resolución da Xunta de Galicia na que se establece a suspensión de actividades colectivas ao aire libre que concentren a máis de 1.000 persoas para suspender os dous mercados ambulantes que se realizan semanalmente no municipio de Pontevedra.
Desde a concellería de Mercados adóptase esta medida co obxectivo de garantir a seguridade tanto de vendedores como de usuarios destes mercadillos e tamén dos traballadores municipais que asisten a estas actividades.
Por tanto, este sábado 14 de marzo xa non haberá mercado de venda ambulante na Rúa Rafael Areses, na contorna ao Pazo da Cultura, nin o vindeiro mércores celebrarase o mercado de Estribela. A suspensión será por prazo indefinido.
O Concello de Pontevedra con esta decisión quere atender ás recomendacións da Organización Mundial da Saúde e do Ministerio de Sanidade ante a emerxencia de saúde pública causada polo patóxeno COVID-19.
Para calquera consulta sobre esta suspensión, as persoas interesadas poden poñerse en contacto co Concello a través do teléfono 986 804 300 - EXT: 7433 ou EXT: 7434
PECHE DE PARQUES INFANTÍS
Tamén desde a concellería de Iván Puentes, encargado do Servizo Municipal de Parques e Xardíns, adoptouse a decisión de decretar o peche das 57 áreas de xogo infantil do municipio como medida preventiva de contaxio do coronavirus.
A prohibición farase efectiva a través dun bando da alcaldía e afectará a todos os espazos tanto do centro urbano como os situados nas parroquias. Van instalarse carteis alertando da prohibición de usar estes recintos.
Esta medida manterase en vigor de maneira indefinida ata que se supere esta situación de infección do COVID-19.
Relacionadas:
-
Volve o mercado ambulante este sábado ao Paseo Rafael Areses con máis espazo e medidas de seguridade
Por Redacción |
-
Promoción Económica traballa para que a feira ambulante volva a Rafael Areses o vindeiro 16 de maio
Por Marisa Ciordia |
-
Aproveitan a corentena para arranxar os parques infantís de Campolongo, Pasarón e Maruja Mallo
Por Oskar Viéitez |
-
Sanidade confirma catro positivos por coronavirus en Pontevedra, dous hospitalizados e dous illados na casa
Por Natalia Puga & Alejandro Espiño |
-
Consenso na noite de Pontevedra, que pecha para conter o avance do coronavirus
Por Manu Otero & Diego Torrado |