O Concello inicia este luns a fumigación e desinfección dos espazos públicos da cidade
Por Oskar Viéitez
O Concello de Pontevedra inicia este luns os traballos de prevención para evitar a propagación do Covid-19 coa fumigación e desinfeción de todos os espazos públicos da cidade: rúas, beirarrúa, prazas..., e inicia o proceso de xestión do lixo das persoas doentes pola enfermidade.
Estas e outras medidas foron adoptadas este domingo na reunión de emerxencia presidida polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, no que se acordou o peche de atención ao público das oficinas municipais e o peche doutros espazos públicos como a Illa das Esculturas, a Xunqueira de Alba ou as praias.
O Concello xa trasladou á empresa concesionaria do lixo, Ferrovial, as instrucións de que o luns a primeira hora comece os traballos de fumigación e desinfectación dos espazos públicos con especial atención aos lugares de maior reunión de persoas como as inmediacións dos centros sanitarios ou supermercados, entre outros.
Os traballos que se realizarán con lavabeirarrúas e persoal a pé será permanente durante os días, cando menos, durante todo o confinamento.
Por outro lado, o Concello activa a partir do luns o protocolo sanitario para a recollida de lixo das persoas doentes afectadas polo Covid-19. A actuación prevista é que as persoas afectadas depositen o seu lixo nunha bolsa aparte e pechada diferente á do resto da familia.
No momento en que estean confirmados os positivos, deberán poñerse en contacto coa Policía Local que será a encargada de avisar á empresa concesionaria do lixo que recollerá a bolsa á porta do seu domicilio a partir das 22.00 horas. Os traballadores do servizo de lixo acudirán con traxes especiais á recollida destes residuos para evitar a contaminación.
Por outro lado, na reunión fíxose unha valoración do Estado de alarma e a súa aplicación na administración local ademais acordouse o peche doutros espazos recreativos e de lecer como a Illa das Esculturas, a Xunqueira de Alba ou os parques infantís.