A Subdelegación do Goberno suspende o servizo presencial de atención ao público
Por Redacción
Non haberá máis atención ao público de maneira presencial na Subdelegación do Goberno en Pontevedra mentres siga activo o estado de alarma.
Trátase dunha medida adoptada en consonancia coa Delegación do Goberno en Galicia para evitar a propagación do coronavirus Covid-19.
Segundo explicou a administración, seguirá activa a posibilidade de realizar trámites de maneira telemática e tamén a consulta telefónica, pero anuláronse todas as citas previas concertadas para os próximos días.
Estas medidas afectan as áreas integradas da Delegación do Goberno: Educación, Sanidade, Estranxeiría, Educación, Rexistro e Sancións.
Desta forma os diferentes trámites que necesiten realizar os cidadáns poderán levar a cabo a través do punto de acceso telemático da administración xeral do Estado (https://administracion.gob.es), mentres que as solicitudes de información atenderanse telefonicamente a través do 986 989 000.
A Subdelegación do Goberno lembrou ademais que, segundo o aprobado polo Consello de Ministros, suspendéronse os prazos dos procedementos administrativos en curso ata que cese o estado de alarma.