A iniciativa solidaria contra o coronavirus prende en Marín cos traballadores autónomos
Por Redacción
Zaida Gallego é unha traballadora autónoma marinense. Dedícase ao sector da perruquería desde fai sete anos, un menos desde que se sitúa na rúa Concepción Arenal. O venres ante o cariz que estaba a tomar a situación provocada polo COVID19 decidiu botar o peche ao seu negocio: "eu teño familiares de alto risgo e preferín non arriscarme; así que o venres dixen ás miñas dúas empregadas, imos a casa todas".
Pola súa saúde, pola das súas empregadas e pola da súa clientela Zaida comunicou a decisión tamén a través do seu perfil de Facebook.
Ao coñecer a tesitura, o seu arredador fíxolle chegar un whatsapp, preocupándose primeiro polo seu estado de saúde e en segundo lugar comunicándolle que mentres tivese o negocio pechado "xa fose por orde do Goberno ou por decisión miña, non me cobraba o aluguer". Unha noticia que preferiu non reservala senón mostrala na súa rede social para dar as grazas publicamente a esta persoa pola súa decisión.
Desde logo que ese aforro non é baladí para Zaida, que como calquera traballador autónomo que tivese que pechar o seu negocio terá que seguir facendo fronte a diversos gastos a pesar de que non xere ingresos. Non ter que contar con este gasto é unha axuda importante para traballadores autónomos como ela.
O seu arrendador quere manter o anonimato, segundo transmitiulle á súa arrendataria. Parece ser que a día de hoxe atópase xubilado e que era un traballador por conta allea na súa vida laboral, o cal aínda di máis ao seu favor. Se este caso resulta motivador e evidencia a solidariedade en momentos difíciles; reforza a motivación outro feito que confirma Zaida Gallego: "hai xente que xa me dixo que tampouco ían cobrar os seus alugueres". Así que parece que o exemplo vai render en Marín.
Esta perruqueira teno claro: "témonos que axudar mutuamente, non podemos pensar nun mesmo, hai que pensar en todos; se non mal imos. Hoxe por tí mañá por min".
Relacionadas:
-
Servizos Sociais de Marín contactou con máis de 600 anciáns para coñecer a súa situación durante o confinamento
Por Redacción |
-
O Concello de Marín chamará a diario aos maiores de 80 anos que viven sós para saber como están
Por Redacción |
-
Marín tramita tres novas denuncias e a alcaldesa pide colaboración por estar "no peor momento" da pandemia
Por Redacción |
-
Cáritas e o Concello habilitan dous albergues para que as persoas sen fogar pasen a corentena
Por Redacción |
-
A corentena ameaza con mandar á quebra autónomos de diversos sectores en Pontevedra
Por Manu Otero |
-
A Asociación contra o Cancro axuda a resolver entre os seus beneficiarios as dúbidas en relación co COVID-19
Por Redacción |
-
Guía con recomendacións para previr o coronavirus en todos os centros de traballo
Por Oskar Viéitez |