Si, eu quedo na casa, pero... non aturo o meu veciño
Por Redacción
Paula reside na contorna da Avenida Juan Carlos I. Atópase coa súa familia confinada en casa desde que se decretou o estado de alarma por parte do Goberno. A esta situación restritiva e complicada súmase agora o malestar que lle causa un veciño da urbanización que durante gran parte do día se dedica a poñer música a un volume moi elevado ata o punto de que se escoita perfectamente no interior das vivendas próximas.
A situación provoca enfado entre o resto de residentes. Paula laméntase: "así non se pode vivir. Estamos fartos do veciño dj", que fai soar as guitarras de Muse convencido de que todo a veciñanza é fan da banda británica. Unha das afectadas engade que a música a ese volume provócalle dor de cabeza e non permite que as súas fillas se concentren para realizar as actividades diarias a través da Aula Virtual.
Non é o único caso, noutros lugares do municipio atopáronse con obras con ruídos que non permiten permanecer con tranquilidade na vivenda. É o caso de Valentín García Bóveda, vicepresidente da Fundación 'Alexandre Bóveda', que publicaba este tweet nas últimas horas:
Cago na estampa.
— Valentín G Bóveda (@boveda_g) March 17, 2020
É tan imprescindíbel rematar coa pedra do portalón?
Que pode saír mal, de pecharse na casa con meniños cunha radial funcionando cada media hora dende as 8 ??
Menos mal que Antón pode saír a aplaudir ás 20h pra que marchen !! pic.twitter.com/4mjd9AoSzI
Ante estas situacións nas que en moitos casos afecta a persoas maiores ou enfermas, ademais de solicitar a intervención da Policía Local, a avogada pontevedresa Sonia Canay explica no blogue de SIGA que o presidente da comunidade, a iniciativa propia ou de calquera dos propietarios ou ocupantes, debe requirir ás persoas causantes destas molestias que cesen nestes costumes ou actividades baixo apercibimento de iniciar as accións xudiciais procedentes.
Canay aclara que normalmente é o administrador da comunidade quen envía unha carta para que conste este apercibimento. No caso de que a persoa continúe realizando as mesmas actividades incívicas, o presidente da comunidade tras solicitar autorización á Xunta de propietarios, poderá establecer unha acción de cesamento.
A esta demanda acompáñaselle unha acreditación do requirimento fidedigno ao infractor e a certificación do acordo adoptado pola Xunta de propietarios. Nestes casos pódese solicitar ao xuíz o cesamento inmediato desta actividade como medida cautelar. A sentenza, se dá a razón aos veciños afectados, pode obrigar ao cesamento definitivo destas actividades e a indemnización de danos e prexuízos, ademais de privar do dereito ao uso da vivenda ou local por tempo non superior a tres anos, segundo cal fose a gravidade da infracción. No caso de que se trate dun inquilino, pódeselle extinguir os dereitos relativos á vivenda ou local e a súa inmediata expulsión.
Con todo, a avogada pontevedresa tamén aclara que ante esta situación nun xuízo civil é preciso probar fidedignamente quen realiza a acción e probar as consecuencias desa molestia. "E iso pode non ser tan sinxelo", afirma Sonia Canay.