Sorprenden dúas persoas merodeando casas en Poio para intentar roubar nelas
Por Redacción
A Policía Local de Poio localizou dúas persoas, ambas con antecedentes policiais, que roldaban en actitude sospeitosa polas inmediacións de varias vivendas na avenida Peirao Besada, na parroquia de San Salvador.
Os axentes, que acudiron a raíz da chamada dun veciño, cren que estes individuos pretendían aproveitar un posible despiste dos habitantes das vivendas para roubar nelas.
Esta foi unha das intervencións que realizou a Policía Local de Poio nas últimas horas, entre as que destaca o peche responsable dun establecemento de hostalería do municipio por permitir a entrada de xeito furtivo ao seu negocio, pechado de cara ao público, a clientes habituais.
A propietaria e os clientes foron identificados polo corpo de seguridade. Ao parecer, a titular do local permitía o acceso a estas persoas a través dunha entrada secundaria e non a través da principal. Os axentes localizaron a dous veciños tomando café no seu interior, o que supón un incumprimento das directrices establecidas polo estado de alarma.
Ademais, froito das roldas e patrullas levadas a cabo nos últimos días tamén se identificou a un veciño de Pontevedra que foi interceptado mentres se desprazaba en bicicleta por Lourido. O individuo alegou que se dirixía ao domicilio dun amigo, unha opción que tampouco contempla o decreto.
A maiores, os axentes tramitaron a pertinente apertura de expediente a un home que tamén saíu a dar un paseo, despois de que fixese caso omiso dun primeiro requirimento.
A Policía Local enviará todas estas dilixencias á Subdelegación do Goberno en Pontevedra, para que tramite as pertinentes sancións. Neste sentido, lémbrase que as multas por incumprir os requisitos do estado de alarma poden oscilar entre os 601 e os 30.000 euros.
Nos casos máis estremos, mesmo se tipifican penas de prisión de tres a doce meses, así como sancións de ata 600.000 euros.
AUXILIO SERVIZOS SOCIAIS
Pola súa banda, os servizos sociais de Poio ofrécese a prestar servizos como a entrega a domicilio da compra a cidadáns que poidan corroborar, ao cen por cen, que non dispoñen de familiares ou persoas achegadas que lles poidan axudar.
A concelleira Rosa Fernández explica que "sabemos que hai xente maior, que son un dos colectivos de maior risco ante un contaxio, que poden precisar da nosa colaboración", polo que o Concello leva días elaborando un listado de persoas que poderían precisar desta axuda.
Un exemplo produciuse na tarde do pasado martes, cando se lle trasladou ao seu domicilio a compra realizada por Internet a un veciño do municipio que permanece en corentena, despois de que nos últimos días empezase a experimentar algúns dos síntomas asociados ao COVID-19.
O teléfono habilitado para atender aos veciños na Casa Rosada é o 986 87 24 01, en horario de 9.00 a 14.00 horas pola mañá e de 16.00 a 21.00 polas tardes.
Os operarios están colocando carteis informativos con estes datos en lugares como os centros de saúde ou as farmacias da vila.