Andrés Díaz, do despacho á furgoneta
Por Redacción
O servizo de compra de alimentos e medicamentos para as persoas maiores do municipio que puxo en marcha o Concello de Ponte Caldelas terá dous condutores de excepción.
Ante a falta de operarios municipais, necesarios durante a alerta sanitaria para ocuparse de servizos básicos como a desinfección de espazos públicos, serán o propio alcalde, Andrés Díaz, e o concelleiro Pepe Garrido os encargados de aprovisionar e levar a furgoneta de repartición.
En concreto ambos os dous encargaranse de recoller a lista da compra, tarxeta sanitaria no caso de medicamentos e o diñeiro ao domicilio dos que o necesiten e despois de completar a xestión, entregarán a compra na porta da casa.
"Son tempos duros e difíciles, sobre todo para as persoas máis vulnerables ás que non podemos deixar de lado", explicou o rexedor de Ponte Caldelas.
As persoas que necesiten deste servizo poden solicitalo chamando ao propio Concello ao 986 750 013 (extensión 2).