Intensifican o control sobre os desprazamentos en coche: só o condutor salvo excepcións
Por Natalia Puga
O Real Decreto RD 463/20 polo que se activou o estado de alarma no conxunto de España para frear o avance do coronavirus vaise adaptando ás circunstancias que aparecían pouco reguladas ou que podían dar lugar a confusión na súa redacción inicial e desde o mércores entrou en vigor unha nova regulación que afecta os desprazamentos en coche. O Goberno especificou que eses desprazamentos deberán ser individuais, de modo que se acabou compartir vehículo para desprazamentos autorizados.
A regulación entro en vigor a medianoite deste mércores 18 e este xoves 19 de marzo, Día do Pai, empezou a controlarse con máis intensidade, unha vez que se considera que deu tempo a que os condutores teñan acceso á información.
As Forzas de Seguridade están a vixiar de forma intensiva que tan só os condutores vaian a bordo agás se van acompañados por menores, persoas maiores ou persoas con discapacidade, ou sempre que se dea unha circunstancia debidamente xustificada ou sexa de forza maior.
Tamén nestes casos, debe terse en conta que se circula máis dunha persoa no coche debe facerse respectando a distancia de seguridade, de modo que nun turismo implica que o acompañante vaia no asento traseiro e no lado contrario ao condutor.
O incumprimento desta modificación do Real Decreto do pasado 14 de marzo pode supoñer sancións de entre 300 e 1.000 euros.
A primeira versión do Real Decreto non fixaba de forma clara estas limitacións nos desprazamentos en vehículo privado e a súa interpretación podía quedar a criterio do axente que realizaba a comprobación, pero esta modificación xa o concreta sen dúbida: "a circulación das persoas permitida debe realizarse de maneira individual, salvo que se acompañe a persoas con discapacidade, a menores, a persoas maiores, ou exista outra causa debidamente xustificada".
En todo caso, cabe lembrar que eses desprazamentos individuais tan só poderán realizarse por cuestións permitidas na norma que regula o estado de alarma, tales como a adquisición de alimentos, produtos farmacéuticos e de primeira necesidade ou os desprazamentos para regresar á residencia habitual ou acudir ao posto de traballo, a centros de saúdo ou a para coidar a menores ou a persoas maiores, dependentes, con discapacidade ou especialmente vulnerables.
Relacionadas:
-
O Goberno prorrogará o estado de alarma outras dúas semanas, ata o 12 de abril
Por Natalia Puga |
-
O Goberno aproba a apertura de talleres de vehículos durante o estado de alarma
Por Sara Iglesias |
-
Consumo conxela os prazos de devolución de artigos comprados antes do estado de alarma
Por Redacción |
-
Multados por ir tres persoas nun mesmo coche
Por Oskar Viéitez |
-
Intensifícanse os controis policiais nos concellos con máis multas a persoas que pasean ou van tomar o sol
Por Oskar Viéitez |
-
O papel da Garda Civil e as policías Local, Nacional e Autonómica durante o estado de alarma
Por Redacción |
-
A poboción só podrá saír da casa de xeito individual e para compras de primeira necesidade, atención médica e traballo
Por Natalia Puga & Alejandro Espiño | Creada e actualizada