Moraña habilita o transporte de subministros a colectivos vulnerables
Por Oskar Viéitez
O Concello de Moraña vén de activar novas medidas na actual situación de estado de alarma pola crise sanitaria do coronavirus e habilitou un servizo de transporte de subministros a colectivos vulnerables, a desinfección e limpeza de zonas sensibles e de maior risco ante posibles contaxios e o control permanente sobre o axeitado funcionamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF).
A alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, explicou que púxose en marcha un servizo para levar aos domicilios dos colectivos máis vulnerables os subministros básicos que precisen, como alimentos, produtos de hixiene ou medicamentos.
Esta medida oriéntase a veciños de idade avanzada, familias vulnerables e con poucos recursos e persoas con discapacidade ou mobilidade reducida, que poden reclamar esta axuda a través dos teléfonos 986 553005, 639 705823 ou 647 286256. A iniciativa vén de anunciarse nun bando que xa se difunde nos puntos informativos e nas canles oficiais do Concello e completarase con contactos directos ao abeiro da relación de potenciais beneficiarios segundo os arquivos de Servizos Sociais.
A rexedora local detallou ademais que se está a facer un control exhaustivo do funcionamento do SAF "e afortunadamente está a desenvolverse con total normalidade e a pleno rendemento coas correspondentes medidas de seguridade e hixiene" e engadiu que o Concello está disposto e preparado para reforzalo en calquera momento se fora necesario.
Así mesmo, tamén estase a proceder á desinfección e limpeza, a través da agrupación de Protección Civil, de zonas especialmente sensibles e con maior risco de contaxiar este virus pola afluencia de veciños nestas xornadas, como son as contornas do centro de saúde de Santa Lucía, das farmacias e dos supermercados.
Finalmente, Luisa Piñeiro revelou que houbo moitos veciños que se puxeron en contacto nestes últimos días para ofrecer a súa dispoñibilidade e colaboración para axudar no que fora posible, especialmente no apoio ás tarefas e recados dos colectivos máis vulnerables e as persoas maiores.