Poio estuda como reducir a carga fiscal dos veciños e axiliza o pago a provedores
Por Redacción
Os departamentos de Intervención e Tesourería do Concello de Poio xa están analizando diferentes opcións para impulsar o aprazamento de taxas municipais para a veciñanza e as empresas asentadas no municipio.
As propostas dos técnicos municipais serán analizadas na vindeira reunión da Comisión Municipal de Seguimento do Covid-19, que se creou esta semana e reuniuse na mañá deste xoves. O próximo encontro será o luns 23 de marzo ás 12.00 horas
Esta comisión creouse co obxectivo de impulsar todas as medidas necesarias para conseguir frear a propagación do virus, así como para analizar as actuacións que xa se veñen levando a cabo desde que se decretou o estado de alarma. Un dos asuntos abordados foi a situación do pagamento das taxas municipais.
A comisión destaca a importancia de manter a axilidade á hora de facer fronte aos pagos a provedores. Neste sentido, o Goberno local lembra que as facturas aprobadas na última Xunta de Goberno Local xa se pagaron e no sucesivo, ante a suspensión das convocatorias deste órgano municipal, continuaranse aprobando por vía decreto, a fin de evitar que se dilaten os prazos á hora de facer fronte aos abonos.
Así, o Concello anuncia o seu "firme compromiso" de ofrecer á veciñanza, aos autónomos e ao tecido empresarial de Poio ferramentas que axuden a brindarlles desafogo nunha situación tan complicada como a que se está a vivir.
A Comisión de Seguimento tamén aprobou estudar a opción de solicitar á Deputación de Pontevedra fondos do Plan de Emerxencias, que irían destinados a Servizos Sociais. Ditos fondos poderían ser utilizados para contratacións que servisen para reforzar o persoal ou ben para a adquisición de alimentos ou medicamentos para as familias que se atopen en risco económico.
Os corpos de seguridade constatan que, á marxe de incidencias ou incumprimentos moi puntuais, o comportamento que está tendo a veciñanza de Poio á hora de seguir as instrucións marcadas polo estado de alarma "está sendo todo un exemplo".
Relacionadas:
-
Poio solicita a desinfección no centro de maiores Ballesol
Por Oskar Viéitez |
-
A Policía Local de Poio habilita unha liña telefónica exclusiva para atender casos relacionados co estado de alarma
Por Redacción |
-
Marín modifica o cobro de tributos municipais para axudar nesta crise
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra aproba unha moratoria fiscal e axilizará o pagamento a provedores
Por Alejandro Espiño |