A resintonización dos canais de TDT prevista para estes meses queda aprazada
Por Redacción
A telefonía móbil de última xeración (5G) precisaba espazo para a súa implantación xeral. O que se denomina Segundo Dividendo Dixital obrigaba a cambios nas canles da Televisión Dixital Terrestre, previstos para antes do 30 de xuño de 2020.
Este cambio anunciado polo Goberno central, que obrigaba a resintonizar os televisores quedou en suspenso ante a situación provocada pola expansión do coronavirus, segundo alerta o Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións (COETTGA). As provincias de Pontevedra e Ourense atopábanse inmersas nese proceso de liberalización da banda de 700 MHz para que as tecnoloxías de banda ancha móbil puidese empregala.
José M. Martínez, decano de COETTGA, sinala que esta medida atrasará seguramente a implementación do 5G na provincia de Pontevedra, afectando a persoas que residen nalgunhas das comarcas máis desfavorecidas
Neste sentido, desde este colexio profesional, denuncian que o aumento na demanda de medios telemáticos e de telecomunicacións durante estes días mostrou a significativa fenda tecnolóxica, que penaliza as zonas do rural de Galicia, que leva denunciando pola cidadanía e polas institucións nos últimos tempos. José M. Martínez indica que aínda quedan moitos puntos escuros no rural galego.