A Lama reparte alimentos de primeira necesidade entre vinte familias do municipio
Por Redacción
Unha vintena de familias, usuarias dos servizos sociais, recibiron este venres alimentos de primeira necesidade a través dun reparto a domicilio efectuado por persoal deste departamento e voluntarios de Protección Civil do Oitavén-Tea.
Este equipo humano está a percorrer o municipio repartindo alimentos de primeira necesidade a persoas de especial vulnerabilidade e tamén fan os recados ás persoas maiores que viven soas e teñen problemas para desprazarse ou que a súa condición inmunodepresiva aconsella que manteñan ao máximo o seu illamento domiciliario.
Así, estas brigadas solidarias impulsadas pola mesa de coordinación do Concello da Lama axudan aos veciños nas súas compras de alimentos nos supermercados e tendas próximas, subministro de butano ou adquisición de medicinas na farmacia do municipio.
O operativo que está en funcionamento xurde da xuntanza de coordinación celebrado a principios de semana na que participaron membros do equipo de goberno do Concello da Lama, a agrupación de voluntarios de Protección Civil e responsables dos servizos sociais.
Os voluntarios de Protección Civil coordínanse cos servizos sociais para actuar naqueles casos de necesidade e sempre guiados pola profesionalidade e a seguridade sanitaria.
Para iso, gardan un escrupuloso protocolo de actuación que preserve tanto a saúde das persoas sobre as que se actúe como a do propio voluntario. Así, van provistos de todas as medidas de prevención como máscaras, luvas e uniformes de continxencia para evitar contaxios e a propagación do coronavirus.
Os veciños que precisen desta asistencia poden chamar ao teléfono do Concello da Lama, o 986 76 82 38, ou a Protección Civil no 695 7473 61.
Desde primeira hora da mañá os membros de Protección Civil tamén desinfectaron de xeito preventivo o centro da vila da Lama con especial incidencia nas inmediacións do centro de saúde, supermercados, entidades bancarias e os elementos de mobiliario urbano especialmente sensibles á permanencia do coronavirus.