O Concello de Poio contacta coa poboación do municipio maior de 65 anos
Por Oskar Viéitez
O Concello de Poio está moi pendente da poboación do municipio maior de 65 anos xa que son un dos grupos de risco ante a propagación do Covid-19.
É por iso polo que ao longo do pasado venres e deste sábado, a Administración municipal púxose en contacto con máis de 500 veciños que superan os 65 anos de idade, para coñecer a súa situación e confirmar se precisan dalgún tipo de axuda.
De todos eles, a gran maioría viven con familiares ou dispoñen de achegados que lles poden axudar. Aproximadamente o 20% son persoas que viven soas, se ben son quen de valerse por si mesmos. En todo caso, os seus datos foron transmitidos ao departamento de Servizos Sociais, para que manteñan con eles un contacto permanente.
Aproximadamente o 20% son persoas que viven soas
O Concello constata que na actualidade ningunha destas persoas está infectada nin padece síntomas sospeitosos. "Gozan dun bo estado de saúde e as veciñas e veciños que viven sos están realizando a cuarentena como medida de prevención", indica a concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas.
A concelleira explicou que a Comisión de Emerxencia do Covid-19 apostou por realizar estas chamadas porque, aínda que a Concellería de Benestar Social mantén contacto con numerosos veciños maiores (sobre todo dos que se atopan en situación de emerxencia ou aqueles que participan habitualmente en programas e iniciativas como Saudemente), "moitos deles son persoas solventes e que non se atopan nun contexto no que precisan das prestacións de Servizos Sociais".
A todos eles se lles pasou o número de teléfono do Casa Rosada, para que se poñan en contacto en caso de que precisen algo.