O Sergas instalará un punto de triaxe na entrada de varios centros de saúde para cribar o acceso de pacientes
Por Redacción
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés adoptou en colaboración cos Concellos actuacións asistenciais e organizativas para xestionar a situación provocada pola pandemia en toda esta zona.
O Sergas suspendeu os programas de cribado e dos controis daqueles pacientes crónicos que permanecen clinicamente estables, á vez que se facilitan pautas de autocoidados en domicilio. O persoal dos equipos de Atención Primaria facilita aos familiares coidadores o material necesario para a realización de curas no fogar, entre outras cuestións.
Ademais, desde a área sanitaria ínstase a conversión de todas as consultas de demanda en citas telefónica. Con esta medida, o persoal facultativo dos centros de saúde conectarán por teléfono ou ben no domicilio cos pacientes. Nestes momentos, indican desde o Sergas, hai centros de saúde que se atopan sen persoal e a intención destas medidas é adaptarse a esta circunstancia.
PUNTO DE TRIAXE
Tamén está prevista a instalación dun Punto de Triaxe na porta de diversos centros de saúde. Desta forma, aquelas persoas que decidan acudir por iniciativa propia serán atendidos en moitos casos por persoal de enfermería. No caso de que precisen atención in situ, os pacientes serán derivados á consulta correspondente.
No caso de que a asistencia puidésese atrasar ou non resultase clinicamente pertinente, os pacientes serán derivados ao seu domicilio, co compromiso de que o facultativo efectuará un contacto telefónico posteriormente.
Concellos como o de Cuntis poñerán a integrantes de Protección Civil no centro de saúde para informar as persoas que se acheguen e a efectivos da Policía Local para intervir no caso de que se produza algunha situación de conflito.
Os centros de saúde contarán cun espazo preventivo para o caso de que se atenda en Triaxe e presente unha clínica compatible coa infección por COVID-19. Trátase de zonas illadas do resto de pacientes.
Tamén se reforzará a limpeza dos centros e os Concellos comprometéronse a facilitar locais municipais para distintos usos mentres dure a situación de pandemia.