A Brilat desprégase en Marín para recoñecer as zonas de especial risco de contaxio
Por Natalia Puga
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O despregamento da Brigada Galicia VII, Brilat, en distintas localidades no marco da operación militar ' Balmis' ante a emerxencia sanitaria do coronavirus chega este domingo a Marín.
Os soldados da base de Figueirido chegarán a Marín co mesmo labor que tiveron na última semana en localidades de toda a provincia e do resto de Galicia, Asturias e Castela León, recoñecer as zonas máis conflitivas, infraestruturas críticas e establecer unha ligazón sólida e eficaz con autoridades locais e Forzas e Corpos de Seguridade.
O obxectivo final destes despregamentos é facilitar os seus labores de presenza e vixilancia ante posibles incumprimentos das medidas establecidas polo estado de alarma nas zonas de especial risco para o contaxio.
Segundo a información facilitada polo Concello de Marín, desprazáronse ata Marín unha vintena de efectivos da Brilat para traballar coordinados coas policías Local e Nacional.
Á súa chegada a Marín, os mandos da Brilat mantiveron unha reunión de coordinación coa alcaldesa, María Ramallo; o xefe da comisaría da Policía Nacional, Esteban Pinilla; e o xefe da Policía Local, Benigno Blanco.
Neste encontro, os tres corpos coordinaron o seu despregamento en todo o termo municipal, repartindo efectivos entre o casco urbano e as diversas parroquias, dado que haberá presencia policial e militar en todos os puntos da vila. Tamén se trazou a estratexia de control de entradas e saídas da localidade.
María Ramallo quixo agradecer profundamente a axuda que supón este reforzo por parte da Brilat, que permitirá que "aumentemos as posibles liñas de traballo e intensifiquemos o control, de tal maneira que garantamos o cumprimento estrito do confinamento, que é primordial para loitar contra o coronavirus".
Este despregamento da Brilat forma parte da operación Balmis de colaboración en diferentes cidades a fin de establecer os procedementos de actuación e as ligazóns coas autoridades locais e as Forzas e Corpos de Seguridade e este domingo, ademais de ata Marín, desprazaranse ata Monforte de Lemos, Santiago de Compostela, Mieres, Castrillón, Valladolid e Cistiérniga.
A operación Balmis coordínaa o Mando de Operacións dentro do despregamento das Forzas Armadas en todo o territorio español para loitar contra a pandemia producida polo virus COVID-19.
Relacionadas:
-
A Escola Naval ten preparadas 50 habitacións para acoller enfermos por coronavirus cando sexa preciso
Por Manu Otero |
-
A Brilat desprega patrullas dunha punta a outra da cidade
Por Natalia Puga & Diego Torrado |
-
Os soldados da Brilat volven patrullar pola Boa Vila
Por Oskar Viéitez |
-
A Brilat desinfecta o centro de saúde de Vilagarcía tras detectarse un brote de coronavirus
Por Natalia Puga |
-
Deteñen un home por agredir cun pau a un militar da Brilat despregado pola alerta sanitaria
Por Redacción |
-
A Brilat desprégase en "zonas sensibles" de Pontevedra en canto a tránsito de persoas
Por Natalia Puga & Diego Torrado | Creada e actualizada
-
Despregamento das Forzas Armadas para conter o coronavirus: a Brilat, a Vigo e A Coruña e a UME, a Pontevedra
Por Natalia Puga | Creada e actualizada