Aplicar un ERTE ou non, esa é a cuestión
Por Manu Otero
O cesamento de actividade das empresas pola crise sanitaria provocada polo coronavirus está a provocar un terremoto nas economías de todos os países e a cidade de Pontevedra non é allea. Comercio e hostalería son dous dos alicerces fundamentais do negocio local pero tiveron que pechar as súas portas e deter a súa actividade desde o estalido da crise. Reducir gastos é vital para superar o parón e evitar o pago de nóminas pode marcar a diferenza entre a supervivenza e a liquidación.
Asociacións de empresas como Aempe (Asociación de empresarios da pequena e mediana empresa) ou AJE (Asociación de Novos Empresarios) resolven estes días decenas de dúbidas acerca das medidas proporcionadas polo Goberno para superar esta situación. Os ERTE, expedientes de regulación temporais de emprego, son un salvavidas para moitas entidades. Aempe recomenda acollerse a eles de forma inmediata a todas as empresas que cesaron a súa actividade, mentres que desde AJE piden analizar a situación con calma porque conleva unha serie de obrigacións posteriores que non todas poderán facer fronte.
"Os ERTE non afectan para nada o traballador, que quede claro. Os que pecharon débeno facer porque é unha ferramenta para resolver o problema, é absurdo non facelo", asegura o presidente de Aempe, Jose María Corujo. Con todo, o seu homólogo de AJE, Jesús Rey, matiza que "hai que valorar o estado do traballador porque á volta habería que mantelo polo menos seis meses e teñen que saber se van facturar para poder mantelos". Neste sentdio, Rey recoñece que hai empresas ás que non quedará outra saída que despedir a parte do seu persoal, "aínda que a intención é de volver contratalos", puntualiza.
Aínda así, desde ambas as agrupacións piden calma aos seus asociados e que non se centren no curto prazo. "O tempo de suspensión vaise alongar mínimo un mes e hai que pensar no día despois porque haberá unha lista enorme de pagos pendentes e sen ingresos, vai haber empresas que haberá que reflotar", alerta Corujo.
Un dos debates relacionados co emprego que está sobre a mesa é o papel de Ence nesta crise. A fábrica segue funcionando pero reduciu a carga de traballo do seu persoal e para o presidente de Aempe o mantemento da súa actividade é imprescindible. "Está en servizos mínimos e é un servizo esencial porque tamén produce enerxía e materias que son necesarias", sostén Corujo quen considera que un eventual paro da planta de Lourizán sería moi negativo para a economía.
Desde AJE recoñecen tamén a súa preocupación polos comerciantes e autónomos. "O comercio en Pontevedra non está no seu mellor momento e isto non lle vai a axudar e os autónomos tampouco están na mellor situación polos alugueres, o cesamento de actividade e demais gastos", asume Rey.
A pesar da gravidade do panorama, a patronal fai un chamamento á calma. "Hai que ver que se está publicando e darlle tempo ás asesorías para que o interpreten todo, non se deben tomar decisións ás toas", advirten desde AJE, cuxo presidente está convencido de que as medidas que está a adoptar o Goberno "son para pasar esta situación da mellor forma e volver con máis forza, ademais haberá máis publicacións".
A ampliación do Estado de Alarma ata polo menos o 12 de abril debe chegar acompañado dun novo paquete de medidas. "Haberá normas complementarias", esperan desde Aempe. Entre elas agardan un aprazamento da campaña da renda, mentres que desde o Centro Comercial Urbano Zona Monumental urxen a suspensión do pago de impostos que deben afrontar as pequenas empresas no mes de abril.
Outra lousa que pende sobre a cabeza dos empresarios é o pago dos alugueres. "Dicímoslles que negovien cos propietarios", recoñece o presidente dos comerciantes da zona vella, Miguel Lago. Outro asunto que preocupa ao sector é o pago das taxas locais, que esperan que sexan anuladas. "Non sabemos que vai pasar coas taxas das terrazas, o IBI ou a auga", expón Lago quen reclama ao goberno local "axudas porque vai haber un menor consumo". Este colectivo alerta de que se produciu "unha perda de turismo que non se vai a recuperar e no verán a xente vai reducir os gastos e viaxes", augura Lago.
Non todo é negativo, aseguran desde esta asociación, porque a subministración de mercadorías de primeira necesidade está asegurada, aínda que temen que o descenso do consumo prexudique aos provedores.
Doutra banda, o dirixente da Asociación de Novos Empresarios confesa que boa parte dos seus asociados levan encadeando crises desde hai anos polo que "igual somos máis loitadores e se nos ocorren mil ideas e opcións para redirixir os negocios". Neste sentido, Rey pide aos seus asociados que aproveiten o parón para "pensar, analizar e formarse".
Outra lectura positiva que extraen os novos emprendedores desta crise é a adopción de novas rutinas como o teletraballo, as compras online ou o uso das redes. "Será un punto de inflexión e marcará un cambio de perspectiva para o empresario e o consumidor. O que non che destrúe, faiche máis forte", conclúe Jesús Rey.
Relacionadas:
-
E agora que? Reinventa a túa empresa con AEMPE
Por Noticia patrocinada |
-
Trámites e consultas sobre as medidas do Goberno saturan as asesorías de Pontevedra
Por Manu Otero |
-
O Concello prioriza o pago a provedores mentres estuda a concesión de axudas para as empresas locais
Por Manu Otero |
-
Unha traballadora afectada por un ERTE: "Entendo ao meu xefe, prefiro que me mande ao paro a que non poida pagar"
Por Manu Otero |
-
Comisións Obreiras pide que se vixíe aos "empresarios irresponsables"
Por Oskar Viéitez |
-
Os autónomos reclaman ao Goberno unha ampliación de tres meses para presentar declaracións e autoliquidacións
Por Oskar Viéitez |
-
A Federación de Comercio solicita aos concellos que habiliten liñas de axuda
Por Oskar Viéitez |
-
A hostalería pontevedresa reclama máis medidas económicas para minimizar o impacto da crise
Por Oskar Viéitez |
-
Traballadores afectados por un ERTE cobrarán paro e os autónomos con perdas non pagarán as súas cotas
Por Alejandro Espiño |
-
A corentena ameaza con mandar á quebra autónomos de diversos sectores en Pontevedra
Por Manu Otero |