A Xunta abre a bolsa para a contratación de auxiliares de Policía Local diante da epidemia
Por Oskar Viéitez
A Xunta porá a disposición de todos os concellos galegos a bolsa de contratación de auxiliares de Policía Local da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) ante a epidemia de coronavirus. Ata o momento, só estaba a disposición daqueles concellos que asinaran convenio coa AGASP para a centralización do proceso selectivo de policías locais e auxiliares.
Así, desde este luns e durante un prazo de cinco días hábiles, poderán acceder á bolsa preferentemente os concellos que teñen asinado convenio de colaboración (un total de 74 concellos). En canto remate ese prazo de cinco días, a bolsa abrirase a todos os concellos galegos que así o requiran, teñan asinado convenio ou non, para facilitar a cobertura de prazas no caso de que fose necesario ante a actual situación de crise sanitaria e de Estado de Alarma.
Ademais de ampliar a listaxe a todos os concellos, tamén se facilitarán ao máximo os trámites.
Os concellos deberán comunicar esta contratación -de facerse efectiva- ao centro de coordinación da Delegación ou subdelegación de Goberno que corresponda.
A bolsa de auxiliares está composta agora mesmo por unhas 130 persoas. De ser necesario ampliar esta listaxe, a Xunta poderá incluír na mesma a todas aquelas persoas que, tendo superado o proceso selectivo para a categoría de policía local, non obtiveran praza no último proceso selectivo convocado.