Brigadas da Xunta desinfectarán o exterior de centros sanitarios e residencias dos concellos pequenos
Por Natalia Puga
Os concellos pequenos, de menos de 5.000 habitantes, recibirán a partir deste luns un reforzo para a loita contra a expansión do coronavirus. A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, puxo en marcha unhas novas brigadas de traballo que se dedicarán a tarefas de desinfección dos exteriores dos centros sanitarios, residencias e centros sociosanitarios.
Así o deu a coñecer este luns o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, tras manter unha videoconferencia cos delegados territoriais do goberno galego en todas as provincias, entre eles, o de Pontevedra, Xosé Manuel Cores Tourís.
Rueda destacou que "esta tarefa é fundamental" e que a intención da Xunta é tentar axudar a moitos municipios de pequeno tamaño tanto con este reforzo como coa repartición de material.
Respecto diso, explicou que hai moitas administracións, sobre todo os municipios de menor tamaño, que "non teñen a día de hoxe practicamente nada" en canto a material de protección ante o contaxio do coronavirus e que necesitan o apoio da Xunta. Este mesmo luns iniciouse a distribución de material a estes concellos.
Estas semana entregarase, a través da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), a repartición de 15.000 máscaras e 100.000 pares de luvas a eses municipios, entrega que "será unha axuda importante para que poidan seguir loitando e se poidan seguir protexendo contra o coronavirus".
Rueda insistiu na necesidade de seguir "traballando unidos" e de que a cidadanía galega manteña o "comportamento en xeral exemplar" de seguir coas medidas de distanciamento social, "a arma fundamental que temos para previr a rápida expansión do coronavirus".
Ademais, aproveitou para reiterar a necesidade de que o Goberno central lles faga chegar o material sanitario necesario, pois "seguimos reclamando os envíos comprometidos polo goberno central unha vez que asumiron a centralización". Ata o de agora tan só recibiron 85.0000 máscaras en tres lotes, o último este luns, con 58.040 máscaras.