A CIG Ensino insta á Consellaría de Educación a cubrir as baixas do profesorado durante o estado de alarma

Por Oskar Viéitez
Desde o sindicato CIG-Ensino remitiron un escrito á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos instando a que as baixas que se produzan durante o Estado de alarma sexan substituídas e, polo tanto, se fagan os oportunos nomeamentos.
A Confederación Intersindical Galega (CIG) cre que estas substitucións son "necesarias" xa que "o profesorado está realizando tarefas no seus fogares para que o alumnado poida seguir formándose de forma telemática", e a propia inspección está solicitando informes deste traballo.
Neste sentido, desde a CIG-Ensino entenden que a Consellaría debe atender as solicitudes de substitucións que cheguen desde as direccións, xa que estas son as que coñecen as necesidades de cada equipo docente.
Para a central nacionalista, o feito de que a suspensión das aulas presenciais se estenda máis tempo do xa previsto, "leva á necesidade de garantir que o que se nos esixe como docentes poida ser cumprido en caso de que se produzan baixas de compañeiros e compañeiras".
De igual forma solicitan que se alonguen os contratos do persoal relacionado coa FP Dual que está realizando traballo en CIFP e que teñen previsto o seu cese a 31 de marzo posto que non puideron, dado o estado de alarma, avaliar ao alumnado.