A falta de material de protección, "principal problema" de Pontevedra ante o coronavirus
Por Alejandro Espiño
Como en todo o país, a ausencia de equipos de protección individual, os coñecidos como EPI, e doutros materiais como máscaras e luvas, converteuse en todo un reto á hora de combater o coronavirus e poder manter certa actividade administrativa.
É tamén o caso de Pontevedra. A responsable de Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde, explicou que ese é o "principal problema" ao que se enfrontará a cidade "se temos que manter no tempo" o funcionamento dos servizos actuais.
Por agora, todas as necesidades están "garantidas", segundo Vilaverde, que prevé que esta carencia se agudice porque "nos imos ter que facer cargo de aquilo que cae tanto por parte do voluntariado como por parte de servizos da Xunta de Galicia".
"Temos doazóns e estamos cubertos, pero pedimos ás administración que manden este material", engadiu a edil do BNG, que lembrou que o Concello "non ten a capacidade para ir por libre" e, a este respecto, confiscáronlles produtos que xa adquiriran.
Tras a reunión da comisión de seguimento, Eva Vilaverde aproveitou para destacar o comportamento "responsable e solidario" dos cidadáns para cumprir o confinamento. "As rúas están tranquilas e non hai grandes problemas nin grandes incidentes", explicou.
Desde que se activou o estado de alarma, a Policía Local tramitou 77 denuncias, aínda que estes incumprimentos foron reducíndose co paso dos días, ata chegar a tan só oito este domingo.
O Concello, mentres tanto, "estamos traballando todo o que se pode" e, actualmente, uns 120 funcionarios teletraballan en dúas quendas, reforzouse a atención telefónica, que recibe entre 50 e 60 chamadas diarias, e hai tamén traballo presencial reforzando a seguridade e a distancia entre os funcionarios.
Ademais, púxose en marcha un seguimento diario do estado de todas as obras municipais, aplicando un estrito protocolo de seguridade; e fíxose un esforzo "importante" para asumir e garantir a atención dos servizos sociais.
Así, durante a pasada semana, foron contactadas as 3.400 persoas maiores de 65 anos que viven soas para coñecer as súas necesidades e coordinar a atención que poidan precisar e Protección Civil asumiu parte do traballo que diferentes entidades facían a través de voluntarios, como a repartición de víveres por parte do Banco de Alimentos.
O CIM, lembrou Eva Vilaverde, segue funcionando cun teléfono habilitado as 24 horas do día e está "preparado" para responder ante calquera solicitude ou emerxencia, especialmente desde que se anunciou o peche de centros de acollemento a novos ingresos.
"Non sabemos canto vai durar isto", engadiu a portavoz do goberno municipal, que defendeu que o Concello está a estudar novas medidas fiscais que, segundo Vilaverde, alivie as perdas que poidan ter as empresas e emprendedores da cidade.
Relacionadas:
-
A Xunta reparte máis de 13.000 máscaras protectoras aos concellos da área de Pontevedra
Por Redacción |
-
Pontevedra prepara un "plan de choque" para reactivar a economía o "día despois" do coronavirus
Por Alejandro Espiño |
-
A Xunta entrega EPI's aos concellos de Moraña, Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade
Por Sara Iglesias |
-
Pontevedra ofrece aloxamento en hoteis a traballadores públicos que convivan con persoas de risco
Por Redacción |
-
A Xunta inicia a repartición de mascarillas e luvas entre os concellos
Por Redacción |
-
O CIFP A Xunqueira I fai unha doazón de material de protección á Policía
Por Sara Iglesias |
-
O persoal do ambulatorio Virxe Peregrina recorre a bolsas de lixo ante a carencia de EPIS
Por Marisa Ciordia |
-
Pontevedra crea un grupo de voluntarios que queiran axudar a colectivos vulnerables
Por Redacción |