A AECC toma a vía telemática para axudar os pacientes durante a crise do coronavirus
Por Sara Iglesias
Durante o estado de alarma, os profesionais da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) están a axudar a pacientes e familiares a través dos servizos dixitais e as redes sociais. Para iso, elaboraron unha serie de vídeos gravados desde os seus domicilios nos que ofrecen consellos para soportar mellor a incerteza creada polo coronavirus e os días de confinamento en casa. A través das canles dixitais e redes sociais da organización, as persoas con cancro recibirán pautas e recomendacións dos psicólogos, traballadores sociais e técnicos en exercicio físico, para afrontar mellor o momento actual que vivimos.
A AECC viu aumentado o número de consultas recibidas a través do servizo gratuíto de Infocáncer, con teléfono 900 100 036, o incremento das sesións de vídeoconsultas e unha subida das solicitudes de atención telefónica vía web. Cada día, a AECC atende 600 chamadas de persoas afectadas pola enfermidade que necesitan información ou apoio.
Ademais, a AECC Pontevedra puxo todos os seus recursos ao dispor das asociacións de pacientes con cancro, Concellos, empresas, Centros de Saúde e farmacias, creando unha rede de apoio, para que ningunha persoa con cancro senta soa, desatendida ou desinformada.
Seguindo as recomendacións das autoridades sanitarias, a asociación pontevedresa mantén restrinxidos os seus servizos presenciais, excepto en casos de urxencia que non se poidan realizar por outros medios, tales como préstamos de material ortoprotésico, camas articuladas, cadeiras de rodas ou andadores. Todo o equipo está a traballar desde casa para garantir o apoio e a atención, hoxe máis que nunca, a pacientes oncolóxicos e familiares.
Relacionadas:
-
O programa da AECC de atención a enfermos avanzados chega a Cuntis
Por Redacción |
-
Cuntis anima á veciñanza a participar na mesa da Asociación contra o Cancro
Por Redacción |
-
A AECC de Pontevedra supera as 1.500 intervencións desde o inicio da corentena
Por Redacción |
-
Nove psicólogos ofrecerán terapia psicolóxica e desafogo emocional en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Consellos para manter unha boa hixiene visual durante o confinamento
Por Marisa Ciordia |
-
A Asociación contra o Cancro axuda a resolver entre os seus beneficiarios as dúbidas en relación co COVID-19
Por Redacción |